O clásico de Mark Twain 'El Diario de Adán y Eva', agora nun estudio de radio
Por Redacción
A Fundación Novacaixagalicia acollerá o próximo 15 de marzo en Pontevedra a obra El diario de Adán y Eva, na que se analizan as diferenzas entre homes e mulleres a partir dunha das pezas emblemáticas da literatura mundial escrita por Mark Twain.
O Centro Social de Pontevedra abrirá o pano para presentar esta peza protagonizada por Ana Milán e Fernando Guillén Cuervo ás 20.30 horas. El diario de Adán y Eva está incluída na tempada de aboamentos de teatro que programa a Fundación Novacaixagalicia.
As entradas están xa á venda a través das canles habituais da entidade, en www.servinova.com ou ben no despacho telefónico no 902 504 500.
Ana Milán e Fernando Guillén Cuervo recrean sobre as táboas unha nova adaptación da peza, realizada por Miguel Ángel Solá, Blanca Oteyza e Manuel González. Eles encargaranse de reanimar este clásico da literatura universal para que volva funcionar como o recordo sonoro das intencións coas que o ser humano vive a súa vida.
A historia agora transcorre en España en dous estudos de radio separados por unha cincuentena de anos, unha diferente calidade de apuros e esperanzas; e un único dilema que, ás veces, nos atrevemos a abordar como unha única certeza: o amor.