![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9e7/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/664b31a867-20240520-patxot-sete-falares-2025.jpg)
© Mónica Patxot
"O peor contador de historias do mundo" participará nos Sete Falares de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/864/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664b2caadb-00.jpg)
© Cámara Municipal Beja
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/94f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664b2ddfa9-imgloaderurl-1-.jpeg)
© Cámara Municipal Beja
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d0f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5cf65be4be-candido-pazo.jpg)
© Sete Falares
Rodolfo Castro, narrador arxentino, defínese como "o peor contador de historias do mundo" e será un dos principais atractivos da programación da duodécima edición de Sete Falares, que se celebrará do domingo 2 ao sábado 8 de xuño en Pontevedra.
O Encontro internacional de contadores de historias desenvolverase en catro escenarios: o Teatro Principal; as Ruínas de San Domingos; o CITA e o Parador de Turismo; a estes puntos súmanse as rutas guiadas con contadas por Pontevedra.
Este luns, Xacobe Rodríguez e Tereixa Alonso, integrantes de Pavís Pavós, co concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentaban a programación dun evento "de luxo que temos na cidade", apuntaba o edil.
O programa inclúe dous espectáculos de pago: o inaugural e o de clausura, que se celebrarán no Teatro Principal. O resto será de entrada libre.
Para o acto inaugural, 'Tres vellas na romaría', xa levan vendidas a metade das entradas. Esta proposta ofrece as historias de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Guti, "narradores de recoñecido prestixio, participantes en numerosos festivais de Europa e de América", afirmaba Xacobe Rodríguez. A cita será o 2 de xuño ás 20.00 horas.
Ao día seguinte, as Ruínas de San Domingos converteranse no escenario de acollida de 'Vicio houbo sempre', da narradora Atenea García.
O 4 de xuño, tamén nas Ruínas, ofrecerase as historias do artista de Cangas do Morrazo, Dani Blanco, nas que combina tradición mariñeira con humor e rebeldía.
Cándido Pazó, un histórico da narración oral de Galicia, ofrecerá unha sesión o 5 de xuño no mesmo espazo monumental.
O xoves 6 de xuño haberá unha dobre actuación. O Teatro Principal recibirá a Rodolfo Castro e a Dois dos Montes, dúo formado por Vítor Fernandes e Estefania Surreira, na proposta 'Tres eran tres'.
Dúas horas máis tarde, o humor trasladarase ás Ruínas de San Domingos con 'De dous en dous' e a participación de Ernesto Abad e de Cándido Pazó.
O 7 de xuño, a actividade iniciarase ás 18.00 horas no CITA con Ernesto Abad.
Esa mesma xornada desenvolverase un clásico de Sete Falares: 'A Ruta de Historias'. Catro grupos de cincuenta persoas camiñarán pola cidade visitando puntos emblemáticos e atoparanse cun contador de historias. A participación é gratuíta, previa recollida de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 20.30 horas.
Entre as 21.00 e as 22.00 horas sairán os grupos para facer os percorridos e atoparanse con Pavís Pavós, Cris de Caldas, Rodolfo Castro, Dois dos montes, Ernesto Abad e Cándido Pazó.
Xa o sábado 8 de xuño, na xornada final, haberá unha sesión no Parador de Turismo con Rodolfo Castro, un home que traballou en múltiples oficios e que leva publicados máis de vinte libros. A súa vida, que transcorre desde a ditadura en Arxentina pasando por unha emigración a México está repleta de historias sorprendentes.
Ás 18.00 horas, o CITA acollerá unha nova función de Dois dos Montes.
A edición finalizará ás 21.00 horas no Teatro Principal coa gala de clausura na que participarán Dois dos Montes, Rodolfo Castro, Ernesto Abad, Cándido Pazó e Cris de Caldas. As entradas para este espectáculo de clausura pódense adquirir en Ataquilla por un prezo de oito euros.
Todos os espectáculos son para público adulto. Xacobe Rodríguez lembraba a importancia da recollida de tradición oral: "unha sociedade que conserva as historias conserva a memoria", apuntando a que estas narracións axudan a desenvolver o imaxinario colectivo e a configurar unha sociedade.