Unha parella de estafadores atemoriza ao barrio de Virxe do Camiño
Por Anxo Lourido
Nauseabundo resulta o olor que se desprende arredor do 1º B do número 2 da rúa Mariscal Pardo de Cela. Ese piso foi alugado en agosto por un mozo e unha moza con "muy mala pinta", segundo afirma o veciño de en fronte, cuñado da caseira. "Eran unos vándalos", asegura. E é que durante estes meses viviron un auténtico pesadelo.
Ante o mal olor, hai uns días, os veciños avisaron a policía convencidos de que os mozos abandonaran hai un par de semanas o domicilio deixando un pequeno can abandonado. Os axentes non chegaron a entrar na vivenda. Deberán esperar ata o 15 de novembro, data en que o xulgado estableceu o desafiuzamento do piso porque estes inquilinos non pagaron nin unha soa renda dende que chegaron a este edificio.
"Por fin se fueron esos dos desgraciados"
Os veciños agardan con impaciencia a chegada dese día. Non é a primeira vez que a policía visita esa vivenda durante estes tres meses. En varias ocasións a parella protagonizara altercados nocturnos con berros e golpes que alertaban á veciñanza. A moza berraba:
- Asasino! Maltratador!...
Pero cando chegaba a policía nunca presentaba denuncia contra a súa parella, un mozo de ao redor de 22 anos cunha tatuaxe no pescozo.
"Era el día a día. Un horror". di outro veciño. Unha señora pasa por diante do edificio e berra:
- Por fin se fueron esos dos desgraciados!
Hai xa dúas semanas que non son vistos pola zona. "Solo anteayer vino acompañado por la policía, supongo que para comprobar que el perro estaba vivo", di un empresario. O mozo era o "home máis popular" do barrio tras intentar varias estafas dende a súa chegada.
Estafas no barrio
Durante estes meses non deixou establecemento da zona sen visitar: comeu no restaurante chinés sen pagar e na tenda de ultramarinos intentou estafar 45 euros dicíndolle á dependenta que era fillo dunha veciña e que necesitaba o diñeiro para o cerralleiro. O mesmo engano foi empregado no Salón de peiteado, pero subindo o botín a 48 euros. En ningún destes casos logrou o seu propósito. Así que o intentou nunha cafetaría en Blanco Porto ata onde non chegara aínda a súa fama. Alí tivo éxito. Logrou levarse 100 euros a través do mesmo método.
Tamén obtivo beneficio no estanco de Virxe do Camiño. Aproveitaba cando había máis número de clientes no establecemento. Entregaba un billete de 5 euros para pagar. Saía e, aos poucos minutos, volvía entrar dicíndolle á estanqueira que se equivocara ao darlle a volta porque el lle entregara un billete de 20 euros. En dúas ocasións enganouna. "Al tercer intento", di a estanqueira "llamé a la policía".
Intentaron levarse os mobles do piso alugado
Máis grave resultou cando a irmá da dona do piso onde vivían de aluguer se encontrou un camión de mudanzas no que se estaban a cargar o roupeiro e outros obxectos do domicilio. A parella intentaba levarse os mobles da vivenda alegando que a caseira lles dixera que estaban alí "para ellos". "Sabemos que la nevera se la llevaron ya a los quince días de estar aquí" di o cuñado da caseira, "y no queremos ni imaginar como debe estar de destrozada la vivienda por dentro".
E ata o 15 de novembro seguirán sen poder sabelo.