De Esdemga á pasarela de novos talentos da Fashion Week Madrid
Por Redacción
Rafael Cameselle e Veronika Vimpelova, dous titulados da última promoción dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), participarán na Samsung Ego 2014, a pasarela para novos talentos que se desenvolve no marco da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Este certame é dende 2008 unha das principais plataformas de lanzamento para creadores emerxentes.
Ambos forman parte dos nove deseñadores seleccionados entre candidatos de toda España participantes neste evento e o 18 de febreiro amosarán ante os principais referentes do sector da moda unha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos, que en novembro presentaron en sociedade no marco do desfile Debut 2013. En Pontevedra presentaron dez deseños e ao desfile madrileño deberán levar 20.
Rafael Cameselle sinala, en declaracións recollidas polo Diario da Universidade de Vigo, que "é unha oportunidade moi importante para dar a coñecer o teu traballo a nivel nacional, xa que só seleccionaron a nove deseñadores de toda España". "En vez de enviar currículos, poden ver as túas obras directamente", indica.
Este estudante valora que participar nesta pasarela lle brinda a de oportunidade de "ver fóra da escola como responde ante a túa colección xente que non te coñece e que no sabe moi ben que agardar de ti" mentres que Veronika Vimpelova engade que "non só quero amosar o meu traballo, quero oír as opinións sobre a miña colección, tanto as boas como as malas, para poder aprender e mellorar".
Esta titulada en Esdemga, natural da República Checa e actualmente residente en Londres, recoñece que a súa selección para este certame foi unha "sorpresa enorme" e que poder amosar as súas creacións na Fashion Week supón para ela "un soño feito realidade".
A súa selección tamén foi valorada pola directora de Esdemga, Lola Dopico, que destaca que "en España hai moitísimas escolas de deseño e moitísimos deseñadores e, nese sentido, que tivésemos representación de forma continuada nos últimos anos para nós é ante todo un motivo de satisfacción, fainos sentir que o estamos facendo ben".
Dopico tamén recorda que "para eles é unha gran plataforma na que ademais, e iso é o que máis nos alegra, aos deseñadores lles xorden propostas de traballo, que é unha das cousas que ambicionamos".
As creacións de Cameselle elaborounas inspirándose na personaxe de Antígona, a filla de Edipo: "é unha colección de alta costura traballada cuns tecidos que non son precisamente de alta costura, como o pano de lá ou o políester, e completada despois coa aplicación de pintura, bordados ou flores feitas a man".
Vimpelova presentará unha colección que se inspira na súa terra natal e a súa historia. "A través de estampados tradicionais feitos a man nunha cor azul índigo, dos cortes dos uniformes militares da época do Imperio Austro-Húngaro e dos cristais de Bohemia", tratou de reflectir a dualidade que entende que sempre caracterizou ao seu país, marcado "por unha banda, pola aspereza, a humildade e a dureza dos anos da guerra e, por outra, pola delicadeza e a beleza das nosas tradicións, tanto téxtiles como literarias e musicais".
Relacionadas:
-
Esdemga busca modelos para o desfile co que celebrará os seus dez anos de historia
Por Redacción |
-
Dúas alumnas de Esdemga seleccionadas para a pasarela Ego
Por Redacción |
-
A Lady Gaga gústalle a Esdemga: unha das súas alumnas vestirá a artista no seu próximo videoclip
Por Redacción |
-
Debut 2013: Esdemga volve sorprender coas frescas e innovadoras propostas dos seus alumnos
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 deseñadores de Debut 2013
Por Alejandro Espiño |