A nova canceira de Vilagarcía abrirase, por fin, esta fin de semana
Por Redacción
A instalación provisional dun xerador de electricidade permitirá subministrar luz e auga ao novo refuxio de animais de Piñeiral do Rei, en Vilagarcía.
A previsión é que o xerador de emerxencia da Casa Consistorial estea listo para funcionar de cara a fin de semana, momento no que a protectora poderá iniciar o traslado dos animais ás novas dependencias. O servizo de Electricidade está levando a cabo os traballos coa colaboración de Protección Civil e baixo a coordinación do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa.
Namentres, o goberno continúa axilizando os trámites e obtención de permisos para poder acometer a conexión definitiva á rede eléctrica.
Este mércores conectaranse os equipos para comprobar o seu funcionamento e se o xerador conta coa potencia suficiente para que poidan prestarse os servizos mínimos, poderá comezar o traslado dos animais. Non obstante, advírtese que o novo refuxio non estará en condicións de funcionar a pleno rendemento ata que non se leve a cabo a conexión definitiva á rede de Fenosa.
A protectora terá que asinar un novo convenio de colaboración co Concello para a utilización do novo refuxio municipal de animais. Este trámite é indispensable para regularizar a cesión en uso das instalacións.