Enviar animais á canceira de Armenteira custou a Marín 7.500 euros en 2013
Por Redacción
O Concello de Marín pagou en 2013 unha factura de 7.500 euros por estar adherido aos servizos do Centro de Recollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra. O gasto implicou un custo de 0,30 euros por habitante ao ano, segundo as cifras facilitadas dende a Administración local.
Marín está adherido a este servizo provincial dende abril de 2013 e durante os primeiros oito meses de actividade realizáronse 56 recollidas de cans. Os concellos son os responsables deste servizo e en consecuencia foron a Policía Local e Protección Civil os que alertaron a Armenteira os casos de abandono de can localizados.
Dende Marín realizouse a chamada ao centro e o persoal de CAAN desprazouse para a recollida do animal e o traslado ás súas dependencias. O funcionamento habitual deste centro consiste en que se o animal está identificado correctamente se contacta co seu propietario. Se o animal non está identificado e no prazo de 20 días non é reclamado polo seu propietario, considérase abandonado.
O Concello destaca que a adhesión a CAAN "soluciona moitos problemas", pois o abandono pode ser causante mesmo de numerosos accidentes de tráfico e en consecuencia producir desenlaces fatais para persoas e animais.