Optan por non declarar os promotores dun dos edificios investigados en Sanxenxo por corrupción
Por Redacción
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Cambados retomou este martes as declaracións polas supostas irregularidades urbanísticas detectadas en varios expedientes da Gerencia de Urbanismo de Sanxenxo.
Fíxoo coa citación aos representantes legais da construtora Balboa e Chan S.L., promotores do edificio da rúa Progreso, afectado por unha orde de derrubamento.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ditos representantes acolléronse ao seu dereito a non declarar. A estes construtores impútaselles un suposto delito de tráfico de influencias, ampliable a outro de suborno, en relación á construción dun bloque de vivendas na rúa Progreso.
Para este mércores e xoves están citados, en calidade de testemuñas, particulares, concelleiras e funcionarios. Entre os primeiros atópanse o actual concelleiro de Medio Ambiente e portavoz de VIPS, José Luís Rodríguez, e o exconcelleiro de Urbanismo, Francisco Villaverde.