Convocan unha manifestación para reclamar un skatepark en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Fartos de recibir as queixas dos peóns, un grupo de mozos convocou para o próximo sábado día 25, ás 17:00 horas, na Praza de España, unha manifestación para reclamar a construción dun skatepark en Pontevedra.
Estes mozos afeccionados ao BMX, Longboard, Skate ou o Scooter percorren cos seus patíns e bicicletas as rúas de Pontevedra esquivando peóns, sen que teñan un recinto acondicionado para estas prácticas deportivas.
A praza de José Martí, a rúa Alhóndiga, a praza de Curros Enríquez son escenarios habituais das súas piruetas nunha difícil convivencia cos transeúntes coas lóxicas molestias. Aínda que o listado de queixas se estende por máis rúas no caso dos afeccionados ao Longboard, un monopatín máis longo que os habituais, co que se deslizan polas costas de rúas peonís como Isabel II, Rúa Real, San Nicolás, Don Gonzalo, César Boente, ou Arcebispo Malvar.
Desaparecida a pista de Mollavao, baixo a ponte da Autoestrada nas inmediacións da Casa do Mar, estes mozos dirixen a súa petición á concellaría de Deportes. Algúns deles suxiren darlle uso á explanada de terra próxima á ponte das Correntes ou mesmo algunhas das parcelas do campus.
"Pola construción dun Skatepark en Pontevedra. Xa é hora, unídevos! ", di o cartel da convocatoria.
Relacionadas:
-
Costas autoriza o skate park xunto á ponte das Correntes
Por Redacción |
-
Propoñen construir o 'skate-park' no Campus ante as dificultades do proxecto de Domingo Fontán
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 50 mozos concéntranse para reclamar unha pista de skate en Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP propón que o centro lúdico e deportivo da Parda incorpore unha pista de skate
Por Redacción |