Pleno fugaz e sen asuntos polémicos para non empañar a entrega dos Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Apenas quince minutos. ÿ a duración que tivo o pleno ordinario de xaneiro. Na orde do día non se incluíron asuntos polémicos, tal e como consensuaran os tres grupos políticos para non empañar a sesión de honores dos premios Cidade de Pontevedra. A única nota de cor puxérona integrantes da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste, que acudiron ao Teatro Principal para deixar constancia da súa problemática.
O único asunto que xerou un tímido debate foi a aprobación das novas tarifas para os taxis pontevedreses. Por unanimidade, BNG, PSdeG-PSOE e PP apoiaron un incremento xeral do 1,5%, tal e como se acordou previamente. Con respecto a este acordo, os populares propuxeron que tanto o 24 como o 31 de decembro fosen tratados como festivos en relación a este servizo e non como días laborais.
A esta pretensión, tamén reivindicada polos autopatronos, opúxose o goberno municipal. O concelleiro de Mobilidade, Miguel Filgueira, recoñeceu que a subida das tarifas dos taxis é "xusta" polo aumento, entre outros, do prezo do gasóleo, pero asegurou que "tamén temos que velar polos cidadáns" e concluíu que elevar as tarifas neses días, no que servizo adoita ter unha gran clientela "non é oportuno".
Ademais, no apartado de rogos, o concelleiro do PP, Ricardo Aguilar, realizou a súa enésima petición para que se convoque a comisión do PXOM "porque hay un acuerdo plenario que no se está cumpliendo". Recordou que, en virtude dese acordo, o documento debería estar actualizado e aprobado en maio, e que a ausencia do mesmo "está generando problemas con la ronda urbana, los parques industriales o los crematorios".
Neste sentido, instó ao alcalde a "que sustituya a la persona que lo lleva" -César Mosquera-, se este non reactiva a súa tramitación. Fernández Lores limitouse a afirmar que o asunto tratarase nunha próxima comisión de infraestructuras, dando por concluída a sesión plenaria.