O Concello de Marín saca a licitación o Bar Restaurante da praia de Portocelo
Por Redacción
O servizo do bar-restaurante na praia de Portocelo iniciou o proceso de contratación co obxectivo de que volva reactivarse un negocio que leva pechado máis de tres anos, malia que durante o pasado verán se mantivo aberto durante uns meses ata que os empresarios renunciaron á explotación. O Concello de Marín sacou as bases para optar a esta adxudicación do restaurante de titularidade municipal.
Desta forma, no prego de condicións establécese un canon mínimo de 200 euros mensuais máis IVE (21%) e a duración do contrato sitúase en dous anos, prorrogables ano a ano ata un máximo de catro.
Na adxudicación terase en conta o canon proposto, que contará cunha puntuación de 70 puntos, e a memoria de desenvolvemento do servizo, que se cualificará con 30 puntos. Os interesados que opten a este contrato deberán contar con solvencia económica e financeira coa declaración apropiada de entidades financeiras. Tamén deberá acreditarse unha experiencia mínima dun ano no ramo da hostalaría.
As bases foron publicadas este mércores 15 no Boletín oficial da provincia (BOP) e o prazo para a presentación de ofertas finalizará tras o transcurso de 26 días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación. As ofertas terán que presentarse no rexistro do Concello de Marín.
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Marín gastaron, durante os últimos meses, 155.000 euros na reforma das instalacións.