Catalina González explicará en Pleno este luns a súa imputación na presunta trama urbanística
Por Redacción
Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo, 09.00 horas. ÿ o lugar e a hora nos que se convocou un pleno extraordinario no que este luns a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, tratará de aclarar cuestións relativas á súa imputación e a de varios empregados municipais en distintos asuntos relacionados coa Gerencia Municipal de Urbanismo. Trátase dun pleno solicitado por toda a oposición.
Neste pleno extraordinario a rexedora terá que dar resposta aos oito puntos propostos pola oposición, formada polos oito concelleiros de PSdeG-PSOE, BNG e Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), como orde do día deste pleno. En todo caso, desde o goberno municipal expresan a súa "sorpresa" co feito de que únicamente un destes puntos dará lugar a votación e a obter un acordo plenario.
A oposición xustificou esta petición de comparecencia "dada a gravidade dos feitos e a falta de iniciativa por parte da alcaldesa de trasladar as correspondentes explicacións aos grupos da oposición, así como ao conxunto dos veciños".
Entre outras cuestións, PSdeG-PSOE, BNG e SAL piden coñecer a relación de persoas involucradas nesta investigación xudicial, así como os presuntos delitos que se lle imputan a cada un deles e en relación a que expediente urbanístico. Especialmente no caso da propia alcaldesa, imputada polos presuntos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias.
Neste sentido, piden así mesmo o cese nas súas funcións daqueles técnicos municipais implicados na suposta trama urbanística e que formaban parte da Xerencia de Urbanismo.
Para rematar, solicitan unha auditoría externa sobre a xestión urbanística no período de vixencia da Xerencia de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, creada durante o mandato de Telmo Martín como alcalde do municipio e que foi disolta a finais do pasado ano.
Relacionadas:
-
Cuíña pide a dimisión da portavoz do PP en Sanxenxo polas súas referencias ao franquismo nun Pleno
Por Redacción |
-
Catalina González: "Non farei nin fixen nunca un negocio con cargo á política"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG asegura que o de Sanxenxo "non é un caso illado" e denuncian unha "trama" urbanística
Por Alejandro Espiño |
-
Catalina González, imputada por prevaricación urbanística, suborno e tráfico de influencias
Por Redacción |