Coches abolados e cristais rotos, balance da intensa saraibada caída de madrugada sobre Pontevedra
Por Diego Espiño
A liña tormentosa que atravesou a provincia entre a 1:30 e as 2:30 horas da madrugada deste sábado deixou un regueiro de pequenas incidencias ao longo de toda a cidade e varias zonas da bisbarra, principalmente pola intensa saraibada caída.
Así a chuvia e o xeo produciron numerosas aboladuras en coches aparcados e a rotura de cristais nos propios vehículos e en varios edificios.
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que retirar durante a mañá restos de cristais, por exemplo, do edificio número 7 da rúa Xeneral Rubín, ante o risco de que caesen sobre os peóns tras quebrarse as fiestras por efecto da saraiba.
Tamén foi necesario retirar unha chapa metálica dun edificio en Gutiérrez Mellado e producíronse pequenas inundacións como a sufrida na tenda de Piñeiro Sport na Avenida de Lugo.
Policía Local e Bombeiros recibiron numerosas chamadas de alerta no ámbito das 2:00 da madrugada, aínda que a pesar da aparatosidade de moitas das incidencias, non se rexistraron sucesos de gravidade.
Pola súa banda durante este episodio adverso a estación meteorolóxica de Lourizán rexistrou refachos de vento de ata 71 quilómetros por hora. Ademais, a web www.4gotas.com engade que a tormenta produciu a caída de 500 raios sobre Galicia no espazo de cinco horas.