Anxo, primeiro bebé de 2014 en Pontevedra dende as 2.45 da madrugada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Pasaran dúas horas e 45 minutos dende as badaladas cando nacía Anxo Mato Solla e se convertía no primeiro bebé do ano no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Foi o que máis présa se deu en nacer de todos os bebés pontevedreses de 2014, pero non madrugou tanto como no para deixar a súa nai sen tomar as uvas. Cristina e o seu marido Andrés residen no Grove e alí viviron as badaladas de benvida ao novo ano. Ela "sentia dolores y contracciones desde media tarde", pero a súa experiencia do anterior parto permitíronlle aguantalas sen problemas para poder pasar o inicio do ano coa súa familia e coa súa filla maior, Saínza na casa.
Pasadas as uvas e "muy tranquila", dirixiuse en coche dende O Grove ata Pontevedra. Eran as 00.45 horas cuandos saíu de casa, ingresou ás 1.30 horas e ás 02.45 nacía Anxo. "Fue todo muy bien y muy rápido. Ni me dio tiempo a poner la epidural",relataba este mércores pola mañá, poucas horas despois de dar a luz, pero moi recuperada xa do esforzo esta traballadora do sector da hostalaría (ela traballa en Gran Hotel Talasso Sanxenxo e o seu marido Andrés no Gran Hotel de La Toja).
O "bueno y tranquilo" que foi Anxo nas súas primeiras horas de vida axudaron á cara radiante dos seus pais, pero tamén unha visita moi especial que recibiron a última hora da mañá, a da súa filla maior. Con tan só seis anos, Saínza xa se mostrou moi contenta de ter un novo membro na familia. Non se atreveu a cambiarlle o cueiro nas súas primeiras horas, pero si lle deu moitas caricias e respondeu cun "sííí" e un enorme sorriso á pregunta de se está contenta con ter un irmán. E terao na casa xa para o Día de Reis, pois a súa nai espera que "en un par de días" lle dean a alta.
Foi un parto natural e tanto Cristina coma Andrés móstranse "muy contentos" co nacemento e coa "atencion perfecta" que recibiron do persoal do CHOP. Anxo pesou 3,465 quilos ao nacer e foi un bebé moi grande, quizais porque a súa nai saíra de contas xusto unha semana antes. Xa estaba previsto que nacese noutra data moi sinalada, o 25 de decembro, pero esperou a ser o primeiro bebé do ano 2014. En 2013, o primeiro bebé foi nena, chamouse Nerea e naceu ás 1.05 horas.
Fronte á frenética actividade do principio de ano na Maternidade do Hospital Provincial, no Hospital do Salnés faise esperar o primeiro nacemento de 2014. Á 16.00 horas da tarde deste mércores 1 de xaneiro aínda non nacera ningún bebé neste centro hospitalario.
A pesar do madrugador que foi este novo veciño do Grove, foi xa o cuarto bebé do ano en Galicia.
O primeiro galego deste ano 2014 foi Edgar, nacido ás 00.01 minutos no Hospital Universitario de Lugo. A primeira nena do ano, Shaila, naceu ás 1.07 horas en Ourense e minutos máis tarde, ás 1.50, nacía Leo no Hospital Arquitecto Marcide en Ferrol. Ás 2.15 naceu Fiz en Vigo.