A Universidade de Vigo aproba un orzamento de 159,6 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
Tralo seu paso polo Consello de Goberno e polo Claustro, o orzamento da Universidade para 2014 foi aprobado de xeito definitivo e unánime este venres polo pleno do Consello Social, que se reuniu na Facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra.
A un total de 159,6 millóns de euros ascende o orzamento do que disporá a institución académica en 2014, o que supón unha diminución do 2,18% con respecto ás contas do actual exercicio, un descenso que vén motivado, na maior parte, pola baixada salarial aplicada pola Xunta e a minorización do financiamento pola previsión dunha maior recadación nas segundas e sucesivas matrículas.
Por outra banda, o Consello Social tamén aprobou a creación das Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) Biotecnogal SL e Volta Space SL, así como a convocatoria de practicums do organismo, dotada con 30.000 euros.
CAMPUS CREA
Esta sesión plenaria tamén serviu ao reitor para informar aos integrantes do Consello Social do traballo que se está levando a cabo no proxecto de especialización de Pontevedra como Campus CREA, co que se tratará de "potenciar non só as capacidades da Universidade, senón tamén as da propia cidade e comarca, para que se visualicen a nivel internacional", destacou Mato.
Poñendo o foco nos "puntos fortes do campus" como son "o deporte e a saúde, a creatividade e a arte, a comunicación, a educación, a xestión pública e o bosque", desde a institución académica estase a desenvolver o plan estratéxico deste proxecto de especialización, que se pretende ter rematado "no primeiro semestre" de 2014 para a súa remisión á Xunta.