Tragsa xestionará durante un ano, e de xeito provisional, a canceira provincial
Por Oskar Viéitez
Tragsa gestionará de xeito provisional a canceira provincial. Será durante o prazo dun ano. Esta proposta xurdiu durante a reunión dos alcaldes dos 42 municipios da provincia que delegan as súas competencias neste área en favor da Deputación de Pontevedra.
A "inmensa maioría" dos rexedores municipais aceptaron unha saída que pon fin a un longo conflito coa protectora de animais. Desta forma a canceira empezará a funcionar de xeito inmediato.
Entre os concellos que forman parte deste consorcio, que agora se pon en marcha, non están as dúas principais cidades da provincia, Pontevedra e Vigo, que xa contan cun servizo propio.
A canceira provincial construíuse hai dous anos no concello de Meis pero non chegou a entrar en funcionamento. O servizo custará 30 céntimos anuais aos preto de 330.000 habitantes que viven nos concellos que formarán parte deste consorcio.
A proposta que se negociará coa empresa pública Tragsa conleva un servizo de lacería que estaría operativo "os 365 días do ano, 24 horas ao día". E disporía dun servizo de atención veterinaria permanente aos animais.
Paralelamente desde a canceira provincial porase en marcha un programa de fomento das adopcións, gratuitas para os particulares. Os animais entregaranse aos particulares vacinados, desparasitados, esterilizados e identificados, de maneira totalmente gratuita.
Ata o momento son cuarenta e dous os concellos que deron este paso, segundo informou o presidente, Rafael Louzán, que rexeita taxantemente as duras críticas de distintas asociacións de defensa dos animais que alertan da masificación e subseguinte falla de coidados das mascotas que chegarán a canceira.