Os propietarios de vivendas unifamiliares expedientadas pola Xunta piden amparo ao Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A recén constitutida Plataforma de afectados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), creada por un grupo de veciños do municipio de Sanxenxo, solicita ao goberno local a "suspensión preventiva de todos os procedementos abertos" dende esta Axencia dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.
Esta Plataforma asegura defender os "intereses lexítimos de cada propietario das vivendas unifamiliares afectadas por 'presuntas' irregularidades urbanísticas e que se encontran expedientadas por parte da Aplu".
Solicita ao goberno local a "suspensión preventiva de todos os procedementos abertos"
Por esta circunstancia os voceiros deste colectivo dirixiron un escrito ao Concello no que instan desta alcaldía, "toda a colaboración necesaria para tratar de solucionar, entre todos e a través do diálogo e o traballo en común, situacións inxustas que padecen algúns veciños que sofren con angustia, o día a día, ante o temor de perder a súa única vivenda, que tantos anos de traballo lles custou levantar e onde crearon un auténtico fogar no que confían rematar os seus últimos días de existencia".
Dende a Plataforma de afectados pola Aplu, consideran que sería necesario, "en primeiro lugar e antes de calquera outra actuación", que dende a alcaldía se procedese a solicitar esta "suspensión preventiva de todos os procedementos abertos dende a Aplu que afecten a veciños de Sanxenxo" e a continuación suxiren ao Concello "a revisión do Plan xeral de ordenación municipal de cara a conseguir organizar dun xeito máis valente, efectivo e xusto para todos o territorio do noso municipio".