Aumentan as comunidades de veciños sen cartos para calefacción
Por Oskar Viéitez
A crise obrigou a algunhas comunidades de veciños de Pontevedra a prescindir da calefacción.
Cada día descóbrense máis caras da crise económica.
Ás dificultades para pagar o aluguer ou unha letra, agora, coa chegada do frío, sumamos outra: manter a casa con calefacción.
Coma se dun guión dramático se tratase a escena repítese nalgunhas comunidades de veciños. Cando toca asumir unha derrama para encher o depósito do gasoil moitas familias non dispoñen dos recursos económicos necesarios para financiar o pago da calefacción.
ÿ entón cando o presidente anuncia que o depósito da calefacción está baleiro e non hai diñeiro para enchelo. Xa se sabe, o combustible está máis caro e as achegas dos veciños non aumentan; moi ao contrario, diminúen. E aínda que a calefacción é un gasto anual previsible, esgotáronse os fondos.
"Explícanche con bágoas nos ollos que na casa todos están no paro, ou que os fillos cos seus netos foron a vivir con eles e que a duras penas chegan a fin de mes", conta o presidente dunha comunidade de veciños pontevedresa, "como lles vou eu a pedir nada?", pregúntase.
Na maioría dos casos a comunidade acepta resignada a situación. Polo menos a crise non conxela o corazón dos pontevedreses.
A venda de leña e de estufas eléctricas aumentou
Naqueles fogares con nenos ou persoas maiores, acoden á tenda a comprar estufas eléctricas para soportar os días máis duros do inverno. Mentres, si fai falla, vestímonos en casa con dous xerseis, sinala unha afectada.
Esa é outra dos sinais que nos dan boa mostra desta realidade, a venda de leña e de estufas eléctricas aumentou. Tamén incrementou a venda de edredóns e cobertores.
Din os expertos que estamos ante un dos indicadores da pobreza, as dificultades dalgunhas familias impídenlles afrontar gastos imprevistos, desde pagar unhas vacacións, polo menos unha semana ao ano, ata renovar o móbil cando se lle rompe a pantalla ao smartphone. Por suposto xa nin falamos de pagar un coche, comprar unha lavadora ou un televisor.
Por non dicir que cada vez son máis os fogares que non poden comprar comida de carne (polo ou peixe) polo menos tres veces por semana.
Relacionadas:
-
Cada ano morren 800 persoas en Galicia a consecuencia de doenzas ou accidentes derivados do frío
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra activa el protocolo contra o frío para as persoas sen fogar
Por Oskar Viéitez |
-
Comuneros de Vilaboa denuncian o roubo de madeira
Por Redacción |
-
"Superheroes" veciñais contra o frío: búscase evitar situacións extremas
Por Alejandro Espiño |