A Deputación e o CHOP despiden os seus traballadores xubilados
Por Oskar Viéitez
Este venres 20 de decembro a Deputación e o Complexo Hospitalario de Pontevedra acolleron un entrañable acto de despedida aos traballadores que se xubilaron ao longo deste ano 2013. Un centenar de persoas entre ambas as dúas institucións.
Nada fai máis grande a unha organización que os seus traballadores, por iso estas sinxelas homenaxes quixeron ser unha mostra de gratitude, de recoñecemento e de cariño sincero que cada un deles ben se merecen.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, tivo un especial recordo para os compañeiros falecidos "os queridos Fernando Portela e Enrique Caramés, xubilados no 2012, e a Alfonso Sánchez e Francisco Muñiz, deste ano de 2013".
Pola súa banda, o xerente do CHOP, José Manuel González, no seu discurso, destacou a importancia do traballo realizado por estes 80 profesionais hoxe homenaxeados, aos que fixo un chamamento para que, "a pesar da súa xubilación como persoal activo, non se afasten dunha institución da que sempre formarán parte".
O xerente fixo referencia ao 40 aniversario da posta en funcionamento do hospital Montecelo, celebrado este mesmo ano, destacando que algunhas das persoas ás que hoxe se homenaxea formaron parte do grupo de traballadores que, naquel mes de novembro de 1973, iniciaron a aventura de poñer en marcha unha nova residencia sanitaria.
A todos eles se lles recordou que a xubilación non supón o final de nada, senón a recompensa a unha vida de traballo e dedicación.