Louzán destaca as "raices galegas" dos máximos accionistas de Banesco
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, pediu un "voto de confianza" para Banesco Grupo Financiero Internacional, despois de que este grupo bancario privado de Venezuela resultase o adxudicatario da entidade resultante da fusión das desaparecidas caixas galegas Caixanova e Caixa Galicia.
Louzán recordou que a Deputación de Pontevedra é a segunda institución pública de Galicia en volume económico que máis opera con NovaGalicia Banco e subliñou que "a pesar do que pasou, coas preferentes e demais", estas entidades "só perderon a dez mil dos seus 78 mil clientes, polo tanto mantén unha gran confianza" e engadiu "o mesmo acontece coa Deputación, seguimos aí".
Tras impoñerse Banesco como o gañador da poxa do 88,33% de Novagalicia, Rafael Louzán cre que "podemos estar razoablemente satisfeitos" porque a nova adxudicación "é unha opción" que "nos da garantías de que Galicia seguirá contando cun sistema financeiro fortemente vinculado á terra".
"Nos da garantías de que Galicia seguirá contando cun sistema financeiro fortemente vinculado á terra"
Louzán cre que a compra da antiga caixa galega "deixa en evidencia aos que durante meses estiveron a acender os ánimos dicindo que este proceso estaba perfectamente orquestrado para vender Galicia aos intereses de entidades bancarias doutras partes de España". Así o mandatario popular insistiu en que "se esta opción non lles convence, eses que tanto critican que digan cual era a súa aposta".
O titular da deputación pontevedresa e presidente provincial do Partido Popular, confesou que "as expectativas que temos son extraordinariamente positivas" porque a oferta gañadora "garante as tres cuestións ás que Galicia non quería renunciar" e enumerou: sede social e fiscal en Galicia, mantemento das oficinas e en consecuencia do emprego.
A xuízo de Louzán, Banesco demostrou "interese real e sólido por Galicia" e unha gran confianza no seu sistema financeiro. Ademais Louzán destacou as "raices galegas" dalgúns dos seus máximos accionistas como un "valor fundamental e clave para que esta sexa a entidade financeira máis interesante para os galegos".
"Abre unha porta moi importante de Galicia con Hispano América"
Así mesmo o presidente provincial apunta que a entrada de Banesco introduce un factor de "dinamización e competitividade" no sistema bancario español, porque ademais "abre unha porta moi importante de Galicia con Hispano América".
"ÿ preciso, darlle un voto de confianza á nova entidade que foi capaz de devolver a ilusión aos traballadores e aos empresarios que confían na reactivación no crédito", subliñou antes de trasladar o seu desexo de que "a evolución da entidade sexa moi positiva e que comece canto antes a fluír ese crédito".
Finalmente Louzán destacou o traballo desenvolvido por José María Castellano, ata agora presidente de Novagalicia Banco, polo "bo labor" que "contribuíu dalgún xeito" a que esta entidade fose apetecida por varias entidades españolas e fondos estranxeiros "nun tempo relativamente rápido". Estendeu estas felicitacións ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "que estivo ocupado no importante", isto é que o proceso fora "transparente limpo e que fose o que máis lle interesaba a Galicia e finalmente déronse esas circunstancias e así foi", concluíu.