SATSE estuda denunciar a Dirección do CHOP por vulneración da liberdade sindical
Por Redacción
O sindicato de enfermaría SATSE denuncia o "malestar" dos profesionais de enfermaría do Complexo Hospitalario de Pontevedra polas "políticas abusivas" sobre o persoal que leva a cabo a dirección do centro, á que non dubidan en atribuír políticas de "fustrigamento" aos que protestan pola violación dos seus dereitos laborais.
A secretaria xeral autonómica do sindicato, Carmen García Rivas, faise eco do "sentimento xeneralizado" do persoal e sinala que entre os profesionais de enfermaría existe un ambiente de "indefensión total" ante "a prepotencia dunha dirección que constantemente adopta medidas torticeiras", dificultando moito a conciliación da vida familiar coa profesional.
Rivas afirma que "se dan por sistema" situacións como poñer todo tipo de trabas para acompañar a familiares ao médico, intentar diminuír os días correspondentes por ingreso hospitalario de familiares e mesmo denegar permisos para que os propios profesionais acudan ao médico ou instigalos para que cambien quendas.
O sindicato denuncia que hai determinados servizos nos que se produce un "especial asañamento" no que "están en xogo a propia saúde das profesionais e a seguridade do paciente". ÿ o caso de Xinecoloxía, no que constantemente están a enviar ás súas enfermeiras a outros servizos ou plantas de hospital. Segundo Carmen García Rivas, no novo destino non son necesarias, polo que este desprazamento de unidade non teñen outro sentido que "minar psicoloxicamente" a estas enfermeiras, xa que os cambios constantes de unidade carrexan un enorme estrés engadido a estas profesionais sanitarias.
Entre outros varios casos, denuncian a situación das matronas, que tiveron que recorrer ao Valedor do pobo nun "intento desesperado" de facer respectar o seu dereito ao traballo, ou o "erro grave" da xerencia no cómputo de redución de xornada de enfermeiras e matronas por coidado de fillo.
Carmen García Rivas lamenta que, a pesar dos moitos intentos e advertencias por parte do sindicato para informar a xerencia, "todas as actuacións anómalas advertidas non só non son tidas en conta senón que se produce de forma automática o seu agravamento" como "resposta despótica" cara aos profesionais.
Así mesmo, a Secretaria Xeral Autonómica de SATSE denuncia que existe unha "especial animadversión" cara a este sindicato polas moitas denuncias e presións que as súas delegadas de Pontevedra realizan para obter solución ás irregularidades que se cometen dende a Dirección, polo que o gabinete xurídico do sindicato está xa a estudar a situación como posible demanda ante a vulneración da liberdade sindical.