O Street View de Google xa percorre a zona monumental de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Google actualizou o seu servizo de mapas da cidade de Pontevedra, para o sistema Google Street View, incluíndo toda a zona monumental.
A visita xera múltiples anécdotas a propios e estraños. Por exemplo, a estampa habitual dalgunhas rúas do centro encóntranse ambientadas con decorados medievais da Feira Franca. Isto é debido a que as xornadas de gravación se desenvolveron durante o mes de setembro nos días previos á festa medieval.
Os responsables da actualización de imaxes de Google centráronse no casco histórico nun día de repartición para os provedores dos establecementos hostaleiros, polo que as rúas aparecen cheas de camións da Coca Cola, Estrella Galicia e demais produtos.
Queda ademais perfectamente plasmado o carácter turístico de Pontevedra nunhas rúas moi concorridas de viaxeiros coa súa cámara en man dispostos a inmortalizar a beleza do centro histórico.
Máis dun sorprenderase por esa curiosa convivencia entre vehículos e peóns.
Dende o Concello esperan que esta actualización supoña unha ferramenta para o turismo da cidade e tamén para a actividade comercial, xa que os usuarios do Street View poderán localizar os comercios e negocios con maior facilidade.
Unha boa recomendación para os responsables desta aplicación é que substitúan o vehículo ordinario polo novo sistema 'Google Trike' que permiten captar as imaxes de difícil acceso, como é a zona monumental e que antes non aparecían no Street View situando as cámaras enriba dunha bicicleta.