O TSXG admite o recurso de Defensa da Ría polo plan especial do porto
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de admitir o recurso da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) contra o Plan Especial do Porto, co que se pretende legalizar os recheos declarados ilegais.
Cando se produciu a súa aprobación, no mes de xullo, a APDR presentou ante a sala do contencioso administrativo un recurso polo que se solicita a anulación do Plan, ante a inexistencia dun estudo de impacto ambiental, é dicir, o mesmo argumento que fixo que se anulasen os anteriores, "xa que nada cambia no substancial con respecto a eles e dado que segue sen realizarse unha análise das modificacións que o conxunto dos recheos están a provocar", explicou o vicepresidente do colectivo ecoloxista Benito Andrade.
Unha vez admitido a trámite ábrese unha fase de análise e argumentación xurídica "que debería rematar coa anulación deste novo plan e a imposición ás administracións responsables, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Autoridade Portuaria, da obriga do cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo e, a continuación, a retirada dos recheos ilegais realizados".
Dende a Autoridade Portuaria defenden a inejecución da sentenza que obriga a retirar os recheos amparándose en que "o mal pode ser maior".