Manuel Loureiro abandona a portavocía socialista de Cotobade para "deixar espazo a unha nova xeración"
Por Diego Espiño
Despois de 26 anos á fronte da agrupación socialista de Cotobade, Manuel Loureiro anunciou este martes a súa decisión de abandonar para "deixar espazo a unha nova xeración".
Loureiro, que ocupou a alcaldía durante oito anos ata as últimas eleccións, seguirá temporalmente como secretario xeral dos socialistas no municipio, cargo do que tamén planea apartarse.
Polo momento será Lina Garrido a que se ocupe dos labores de voceiro na oposición, polo menos ata que Ismael Bouzas se incorpore para "recompoñer o grupo".
Manuel Loureiro: "Os que temos fillos que xa están en idade de ser políticos temos que deixar sitio e non crear un tapón"
O ata hai dous anos alcalde de Cotobade asegurou que a decisión estaba tomada dende a cita coas urnas en 2011, cando accedeu a continuar nunha "etapa de tránsito".
Manuel Loureiro defendeu a rexeneración dos postos políticos e a renovación de ideas, para o que, di, quere predicar co exemplo porque "os que temos fillos que xa están en idade de ser políticos temos que deixar sitio e non crear un tapón para que o partido siga funcionando e sobre todo siga creando ilusión nos cidadáns".
En relación a estes 26 anos, Loureiro define os primeiros 16, na oposición no mandato de Ramón Abal no concello, como "anos duros, difíciles, con escaso estilo democrático", unha etapa que estivo seguida por dúas lexislaturas na alcaldía nas que, defende, "fixen unha aposta importante pola cultura, os maiores e os nenos".