Hierros Santa Cruz presenta un ERE temporal para 53 dos seus traballadores
Por Diego Espiño
A caída de carga de traballo derivada da crise na construción obrigou a Hierros Santa Cruz, empresa familiar relacionada co actual deputado no Congreso Telmo Martín, a presentar un Expediente de Regulación de Emprego para 53 dos seus traballadores dos centros de Meaño e A Picaraña (Padrón).
Son en concreto 46 empregados de taller e 7 de oficinas, quedando excluídos 13 compañeiros, entre os que se encontran o xefe de administración e o encargado xeral, ademais de varios eventuais e fixos discontinuos.
Hierros Santa Cruz formula, segundo fontes sindicais, un ERE de suspensión cun máximo de 180 días por traballador e oito meses de vixencia alegando causas técnicas e organizativas. Para sete ou oito técnicos da firma, dos 180 días, a empresa solicita unha redución de xornada do 70% durante 60 días para despois incorporarse ao expediente.
Hierros Santa Cruz expresou a intención de seguir contando con todo o plantel unha vez rematado o período de ERE
A dirección e os delegados sindicais xa mantiveron a primeira reunión para negociar as condicións finais da regulación. Nese encontro a representación laboral solicitou reducir os días de afectación e ampliar o período de vixencia de oito meses, ademais de pedir un compromiso de estabilidade asinado para evitar despedimentos nun futuro próximo. Pola súa banda os reponsables empresariais plantexaron un preaviso aos empregados afectados de 24 horas cada vez que teñan que acudir ás xornadas de ERE. Hierros Santa Cruz expresou ademais a súa intención de seguir contando con todo o plantel unha vez rematado o período de ERE.
Ambas as dúas partes volverán ver as caras o próximo venres día 9.