Homenaxe ao gardamarina desaparecido en Ons hai 50 anos
Por Redacción
A Escola Naval Militar de Marín conmemorou o cincuenta aniversario da desaparición do gardamarina Jose Luis Herrero na illa de Ons.
O tráxico episodio tivo lugar a tarde do 18 de outubro de 1963 na coñecida zona do "buraco do inferno", ao oeste da illa, produciuse durante o transcurso duns exercicios de adestramento topográfico e anfibio dos alumnos de Infantaría de Mariña. Esa mesma noite, alistouse o destrutor Almirante Antequera con alumnos voluntarios para comezar unha intensa busca, e que finalmente resultaría infrutuosa xa que nunca se logrou encontrar o corpo do Guardiamarina.
Este martes 3 de decembro, unha representación de vinte oficiais da Escola Naval de Marín, encabezada polo Comandante-Director, Juan Luis Sobrino, desprazouse á illa de Ons, co obxecto de conmemorar este aniversario.
Nun breve e entrañable acto, entoouse o toque de oración, rezouse un responso e os dous alumnos máis antigos da Escola depositaron unha coroa no lugar en que se produciu a caída do guardiamarina.
Para a celebración do acto de recordo e homenaxe, a Escola Naval solicitou permiso hai unhas semanas, ao Padroado do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das illas Atlánticas de Galicia, para levar a cabo a restauración dun monumento que xa existía e que co paso do tempo se deteriorara. A restauración foi realizada por persoal laboral e militar da Escola Naval.
Ao lugar tamén se desprazaron dous integrantes, xa retirados, da Brigada do Guardiamarina desaparecido, que non quixeron deixar pasar este momento para demostrarlle, en nome de todos os seus compañeiros, o seu máis sincero recordo.