De paseo pola senda que desemboca nas tres Rías
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A 2.900 metros do Pontillón do Castro. A 300 metros sobre o nivel do mar. Ao final dun antigo sendeiro usado hai non tantas décadas polos veciños de Verducido para ir ao monte a recoller leña e volver con ela para vendela en Pontevedra. Alí está a cima do monte Acival, convertido nun mirador descoñecido que ofrece unha imaxe inusual: a vista alcanza as rías de Pontevedra, Arousa e Vigo.
Ata esta semana chegar alí estaba reservado aos sendeiristas máis ousados ou a quen contaba cun vehículo todoterreo con tracción ás catro rodas, pero este mércores quedará a disposición de todos os camiñantes e de todo aquel que conte cunhas horas de tempo para coñecer o patrimonio rural e natural de Verducido.
Esta nova oferta de esparcemento ten como fío condutor o sendeiro do Loural, que une a pé o Pontillón do Castro co alto do monte Acival e nas últimas semanas foi obxecto dunha obra de rehabilitación e recuperación por parte do Concello de Pontevedra.
Os concelleiros Demetrio Gómez, Miguel Filgueira e Anxos Riveiro supervisaron este luns os traballos que se están a desenvolver e anunciaron que van a bo ritmo e estarán concluidos o mércores coa instalación de sinalización informativa e divulgativa sobre o medio e os seus recursos.
Os impulsores do proxecto xa teñen en mente unha segunda fase que permita habilitar outro sendeiro complementario pola outra banda do monte: por un lado subirase e o outro será de retorno. Mentres tanto, animan a desfrutar deste novo espazo recén recuperado.
"Era un antigo camiño moi útil e agora un lugar para o esparcemento", explicou Anxos Riveiro durante a súa visita sobre o terreno. Cre que terá moi boa aceptación, pois "cada vez hai máis xente en Pontevedra que demanda este tipo de espazos".
Os traballos realizados permitiron recuperar e poñer en valor espazos deixados ao abandono polo paso do tempo, coma unha carballeira que linda co sendeiro e que estaba moi afectada polo paso dos lumes e das cortas incontroladas. Demetrio Gómez destacou o valor patrimonial deste enclave, pois trátase dunha carballeira inusual en canto a que o chan está cheo de pedras. "Os veciños viñan buscar aquí as pedras para facer as casas. ÿ chamativo que teña tanta pedra aínda", relata.
"ÿ un bo plan para a ponte festiva desta fin de semana"
Nesta carballeira fíxose unha intervención branda que incluiu unha roza en superficie e a retirada das árbores mortas, caídas, enfermas e alóctonas como os eucaliptos para devolvela ao seu estado orixinario. Tamén se fixo unha poda dos exemplares a conservar para retirarlles as ponlas rotas, vellas ou mortas e fíxose un guiado nos novos exemplares.
Entre os elementos con valor patrimonial que poderán visitar os camiñantes que percorran esta senda atópase tamén un petroglifo catalogado e a oportunidade de visitar un punto no que conflúen catro concellos. Está marcado por un pau e nel limitan Pontevedra, Barro, Moraña e Campo Lameiro.
Os traballos consistiron na limpeza do sendeiro con roza manual e mecanizada, retirando algunha árbore que naceu no medio do sendeiro. Rematadas estas tarefas, só queda sinalizar. Contará con flechas de orientación nos diferentes cruces para evitar que o sendeirista se perda e farase un marcado con pintura da ruta en diferentes elementos (mesas, pedras, valados). Estará listo este mércores, de maneira que Demetrio Gómez anima a que "é un bo plan para a ponte festiva desta fin de semana".