Visto para sentenza o xuízo polo crime da Barcia
Por Oskar Viéitez
Este mércores quedou visto para sentenza o xuízo contra o matrimonio de Lalín (Pontevedra) acusado do asasinato da súa filla Sonia e a morte dun extraballador, asfixiado polo incendio da súa vivenda e a tentativa de asasinato outros dous familiares que residían na casa familiar de Outeiro da Barcia.
Na última sesión do xuízo a fiscal elevou a definitivas as súas conclusións iniciais pedindo tanto para José Mouriño coma para a súa esposa, Carmen Reboredo, 58 anos de cárcere para cada un.
A fiscal referiuse ao instante en que os efectivos da Garda Civil encontraron o matrimonio na foxa de zurro. Os acusados afirmaron que Carmen se tirou coa intención de suicidarse tras queimar a vivenda e rematar coa vida de todos, non obstante o Ministerio Público insistiu en que esta versión non concorda co dito por Mouriño, que mantivo que axudou a saír da casa á súa sogra e o seu cuñado, que faleceron tempo despois na residencia de Outeiro de Rei. Segundo a fiscal "estábanse a ocultar entre o esterco".
A Fiscalía entende que "non cabe atenuante nin eximente"
No caso de Carmen, a Fiscalía entende que "non cabe atenuante nin eximente" e insistiu en que, atendendo aos informes psiquiátricos non se encontrou ningunha alteración mental, nin moito menos a denominada síndrome do "coidador queimado" que sostivo a defensa.
Pola súa banda o avogado compostelán Xosé Manuel Lago que asumiu recentemente a defensa do empresario lalinense mostrouse satisfeito polo desenvolvemento da vista "a valoro positivamente porque entendo que non hai proba ningunha que fundamente a culpabilidade de José Mouriño".
O letrado entende que o Ministerio Público "nas súas conclusións nin sequera chegou a falar de probas senón de elementos indiciarios o que, valga a redundancia, xa é un indicio dos elementos nos que basea a súa acusación", dixo.
A defensa de Mouriño: "non hai ningún elemento incriminatorio que permita ditar unha sentenza culpable"
A defensa de José Mouriño argumentou "sen dúbida ningunha" que é inocente "porque non hai ningún elemento incriminatorio que permita ditar unha sentenza culpable" nin pegadas nin ningunha outra proba que impute a José Mouriño como autor dos feitos e asegura que ao longo de todo o procedemento, dende as dilixencias previas ata o día de hoxe "quen levou toda a carga da proba da defensa deste señor foi a defensa".
Segundo Xosé Manuel Lago, "neste procedemento produciuse un investimento na carga da proba, dende o primeiro momento foi José Mouriño Souto o que tivo que demostrar que era inocente e mesmo a día de hoxe, o Ministerio Fiscal fala de simples indicios e non de probas, unha pauta que foi constante ao longo de todo este procedemento". No seu informe final o avogado referiuse a este caso como un "xuízo moral".
Pola súa banda Eduardo Porta, letrado que defende a Carmen Reboredo Lalín, admite a autoría dos feitos, xa que o seu clienta confesou en todo momento que matou a súa filla golpeándoa cunha maza mentres durmía e que posteriormente prendeu lume en varias estanzas da vivenda familiar. Pero Eduardo Porta presentou unha eximente completa dos cargos alegando trastorno mental, atendendo aos informes forenses que certifican que, por aquel entón, Carmen Reboredo padecía o que se coñece como síndrome do coidador queimado.
Durante o xuízo insistiu en que a muller atendía a explotación gandeira con preto dun centenar de vacas, e tiña ao seu coidado na casa a Amador Vázquez, un antigo empregado de 89 anos e que requiría atencións continuadas, así como a nai e o irmán de Carmen, ela tamén de avanzada idade e el con síndrome de down. Ademais das diversas enfermidades que padecía a acusada como artrose ou depresión crónica.
Eduardo Porta indicou que "está claro que esta persoa estaba nunhas circunstancias psiquicas peculiares e que había toda unha amálgama de circunstancias externas a ela" entre as que citou todos os dependentes que esta muller coidaba, o medo á ruína económica, os seus problemas físicos, o seu coeficiente intelectual que a sitúa preto do atraso mental, ademais da depresión cronificada que padece "todo isto é un caldo de cultivo importante e complicado".
O abogado de Carmen Reboredo: "o elemento desencadeante de toda esta situación foi a suspensión do tratamento antidepresivo"
A partir de aí o avogado sitúa un elemento que dende o seu punto de vista é clave "é o elemento desencadeante de toda esta situación" refírese á suspensión do tratamento antidepresivo "a partir do momento no que unha persoa suspende motu propio o tratamento todos os especialistas coinciden en que hai unha reactivación da negatividade" o que segundo o letrado "desembocou na hecatombe".
A defensa de Carmen Reboredo pediu a libre absolución con carácter principal e subsidiariamente para o caso no que o tribunal non estime a eximente completa pide que se considere unha minoración da imputabilidade, é dicir, da súa responsabilidade nestes feitos.
O tribunal adiantou que en dúas semanas se coñecerá a sentenza.
Relacionadas:
-
Condenan a 58 anos de prisión o matrimonio acusado do crime de Lalín
Por Oskar Viéitez |
-
Quen quere ser asasino?
Por Redacción |
-
A muller acusada de matar a súa filla en Lalín admite os feitos: "Eu estaba transtornada, tola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O fiscal pide 58 anos de cárcere para o matrimonio acusado de matar a súa filla e queimar a súa casa en Lalín
Por Oskar Viéitez |