A muller acusada de matar a súa filla en Lalín admite os feitos: "Eu estaba transtornada, tola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A muller acusada de matar a súa filla e queimar a casa no municipio de Lalín (Pontevedra) recoñeceu os feitos no arranque do xuízo, mentres que o seu marido, acusado tamén polo crime, se declarou inocente. "Si, fixen o que fixen", dixo a procesada.
No medio dunha grande expectación mediática arrancou este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo contra José Mouriño e Carmen Reboredo, o matrimonio acusado de matar a súa filla e queimar a súa casa no lugar de Outeiro, no municipio pontevedrés de Lalín.
"Recoñece os feitos dos que se lle acusan? ", preguntou o presidente da Sala, o maxistrado Xosé Manuel Barreiro, a Carmen Reboredo "si, fixen o que fixen", contestou a acusada. Pola súa banda José Mouriño declarouse inocente.
Con todo luxo de detalles Carmen respondeu hoxe ás preguntas formuladas pola fiscala e os avogados das defensas.
Antes de iniciar o seu relato Carmen explicou que tiña ao seu coidado tres persoas dependentes, a súa nai, Erundina Lalín, de 89 anos; o seu tío Manuel, de 56 e con síndrome de down e un antigo traballador da granxa, Amador Vázquez de 83 anos. En xeral describiu o seu estado de saúde como "moi malo" afectados de diferentes doenzas, entre outras sinalou que "Manuel tiña constantes xaquecas e berraba de dor, ademais sufría úlceras nas pernas. Pero era un bendito", tamén padecía "fortes dores" Amador do que insistiu na súa agresividade. Ademais Carmen atendía aos labores propios da explotación gandeira.
Aquel 29 de outubro do ano 2010, segundo coincidiron en sinalar ambos os dous acusados, Jose Mouriño foi o primeiro en deitarse tras tomar unhas pastillas para durmir, eran sobre as dúas da madrugada. Entón Carmen acudiu ao cuarto no que durmía a súa filla Sonia e cunha maza golpeouna reiteradamente na cabeza ata matala. "Era a miña nena, queríaa con loucura, era o mellor na miña vida", dixo entre bágoas "eu estaba transtornada, tola. Unha persoa que está ben nunca faría iso", engadiu.
A continuación Carmen, sempre fora de si, segundo insistiu, meteu unha bombona de gas butano no cuarto de Amador e logo subiu un saco con carozos de maiz que repartiu polo chan de toda a casa. Baixou de novo ao soto e verteu unha garrafa de gasóleo prendéndolle lume á casa. Deseguido meteuse en cama xunto ao seu marido e quedou durmida. "Unha persoa que fai o que fixen eu non está cos seus cinco sentidos. Deixa de ser persoa", insistiu.
Sobre as seis e media da mañá José Mouriño espertou co ruído dos golpes de bastón que Amador estaba a propinar no chan. Segundo explicou, nese momento sentiu un forte olor a fume e lle berrou a súa muller que avisara a Sonia, pero Carmen só berraba "Eu quero morrer. Voume suicidar".
Ás escuras, porque non había electricidade, José acudiu ao cuarto da súa filla e empezou a movela para que espertase "pero non se movía. Entón sentín o sangue na miña man. Puiden distinguila pola luz dos farois da rúa que estaba morta" entón increpoulle á súa muller "Que fixeches. Isto é unha animalada". Dando á súa filla por morta José Mouriño, segundo dixo durante o xuízo, pensou en socorrer os anciáns polo que foi a espertalos para que se puxesen a salvo. Segundo a súa versión, saíu entón da casa para retirar os coches aparcados no baixo da vivenda e evitar que agravasen o incendio. Nese intervalo perdeu de vista á súa esposa.
Vendo que os maiores abandonaban a residencia polo seu propio pé empezou a buscar a súa muller "pensando que se aforcara na corte". Encontrouna na granxa contigua á vivenda, no soto da explotación gandeira onde se encontraba a foxa séptica á que se botara coa intención de suicidarse.
Segundo declararon Mouriño e a súa esposa, o home lanzouse ao esterco para evitar que Carmen se afogase e permaneceu ao seu lado durante horas, "pedindo socorro ata quedar afónico" e ata que os sacaron os servizos de Protección Civil.
O avogado da defensa de Carmen Reboredo tratou de explicar o comportamento da muller por unha loucura transitoria, produto dunha suma de circunstancias: un baixo coeficiente intelectual "que lle sitúa nun atraso mental", o medo a unha situación económica difìcil "non facía falta que fose real senón que ela o interpretaba así", que había tres días que deixara de tomar a medicación contra a depresión, e o denominado síndrome do coidador queimado que un psiquiatra describiu como o produto dunha vida "sen tempo libre, nunha situación de illamento, con varios familiares dependentes ao seu cargo" e cunha gran sensibilidade que fai seu o sufrimento dos demais.
O marido rubricou punto por punto estas manifestacións e dixo que a súa relación coa súa esposa seguía sendo "boa", porque entendía que "non era ela" cando se produciron os feitos.
A Fiscalía impútalles dous asasinatos aleivosos e outros tantos delitos de asasinato en grao de tentativa respecto á nai e o irmán de Carmen Reboredo. En total, solicítanse 58 anos de prisión para cada un. As defensas formularon a absolución do matrimonio.
O xuízo retomarase o mércores xa que unha avaría no equipo de videoconferencias impediu a comparecencia de dous peritos forenses.