Sube o paro en Pontevedra: case 4.000 persoas perderon o seu emprego en outubro
Por Alejandro Espiño
Outubro volve a ser nefasto para os demandantes de emprego. Un total de 3.865 persoas engrosaron o mes pasado as listas do paro na provincia de Pontevedra, o que sitúa o número de parados en 106.523. ÿ un 3,76% máis que en setembro, cando se rexistraban 102.658 desempregados. Son case 10.000 persoas (9.473) máis que hai un ano. Había entón en Pontevedra 97.050 parados.
Por sectores, o peor comportamento vólveo a experimentar, por segundo mes consecutivo, o sector servizos. 3.180 pontevedreses perderon o seu emprego en outubro. Trátase do 82,27% do total de novos parados durante o mes pasado. ÿ consecuencia, como todos os anos, do final da tempada estival, que sempre reduce o número de desempregados no sector.
Agricultura (717 parados máis), industria (150 máis) e construción (147 máis) tamén rexistraron máis desempregados que o mes anterior. O único sector que logrou reducir as súas cifras foi os demandantes sen emprego anterior, que se situou en 9.238 persoas, 329 menos que en setembro.
En canto a número de contratos, durante o mes de outubro asináronse en Pontevedra 28.488 contratos. De todos eles, 26.550 foron de carácter temporal, o que supón o 93,19% do total. O resto, 1.938 (6,81%) foron indefinidos.
A cidade supera os 8.500 parados
O dato del paro é especialmente malo na cidade de Pontevedra. En outubro, 418 persoas apuntáronse ás listas do desemprego, alcanzando os 8.582 parados. Son oitocentos máis que hai un ano. Marín (2.570 parados), Sanxenxo (1.756), Poio (1.730) ou Bueu (1.216), tamén rexistraron un significativo aumento neste último mes.
Para UGT, un mal dato pero esperado
O aumento do desemprego en outubro é un dato, segundo UGT, "malo, pero esperado". Así o ve o secretario xeral de UGT Pontevedra, Ramón Vidal. Recorda que a recente EPA xa mantiña unha dinámica negativa. "Sempre se cre que estamos chegando ao fondo, pero vese que non", asegura. Advirte ademais que o número de ERE que se presentaron nos últimos meses "indica que esto non para".
Ramón Vidal denuncia que o fondo a esta situación "marcarao o Goberno", ao entender que "se continúan con estas políticas vai ser difícil tocar fondo, porque está trasladando a todos os sectores esta incertidume, vaise retroalimentando a economía e só queda a emigración".
A Xunta recorda que outubro é un mes "tradicionalmente malo"
A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, tamén cualificou este dato de negativo. Neste sentido, lembrou que outubro é un mes onde se rexistran tradicionalmente incrementos do desemprego. Con todo, precisou que este aumento mensual, en termos relativos, é o máis baixo rexistrado nun mes de outubro desde 2006.
A responsable desta área autonómica destacou que a evolución interanual é mellor que a rexistrada na media do Estado. En Galicia, este aumento foi do 10,6 por cento, dúas décimas por debaixo da media estatal (+10,84%).