O fiscal pide 58 anos de cárcere para o matrimonio acusado de matar a súa filla e queimar a súa casa en Lalín
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia provincial de Pontevedra fixou para o próximo martes 26 de novembro, ás 10,15 horas, o xuízo contra José Mouriño Souto e Carmen Reboredo Lalín, o matrimonio acusado de matar á súa filla e queimar a súa casa no lugar de Outeiro, na parroquia de Barcia, municipio de Lalín.
O Ministerio Público impútalles dous delitos de asasinato aleivoso pola morte da súa única filla: Sonia, de 22 anos, e a dun antigo traballador da casa, Amador Vázquez Quinteiro que faleceu por asfixia a causa do fume do incendio. Ademais engade dous delitos de asasinato en grao de tentativa, respecto á nai e o irmán de Carmen Reboredo que se encontraban no interior da casa cando se produciu o incencio aínda que foron rescatados por Protección Civil.
A Fiscalía solicita un total de 58 anos de prisión para cada un. Pola contra os avogados da defensa adiantaron que solicitarán a absolución de ambos os dous.
En concreto o letrado de José Mouriño nega a súa participación nos feitos. Argumentará durante o xuízo que o empresario tan só se encontraba na foxa séptica tratando de evitar o suicidio da súa muller.
En canto á defensa de Carmen Reboredo admite a súa autoría xa que dende un primeiro momento confesou ante a xuíza en Lalín e ante a Garda Civil ter matado á súa filla e prendido lume á casa familiar de Barcia, pero presentará unha eximente completa de transtorno mental, para o que achegarán informes forenses que acreditan que Carmen sufría a denominada síndrome do coidador queimado.
Os feitos producíronse o 29 de novembro de 2010. Tras un ano e cinco meses en prisión, a parella encóntrase en liberdade e reside en Lalín. Durante este tempo os dous supervivintes, a nai e o irmán de Carmen Reboredo, faleceron nunha residencia de Lugo onde foran realoxados tras o suceso.