Debut 2013: Esdemga volve sorprender coas frescas e innovadoras propostas dos seus alumnos
Por Redacción & Diego Torrado
A colección Vivian Girls de Elena Rial fíxose co primeiro premio do desfile Debut 2013, a pasarela de moda na que os alumnos de último ano dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) presentan os seus traballos de fin de carreira. Centos de persoas achegáronse ata o Recinto Feiral de Pontevedra para gozar coas frescas e innovadoras propostas dos 19 deseñadores que concorrían nesta edición.
Na súa colección, Elena Rial apostou por uns deseños "baseados na obra de Henry Darger e as súas personaxes" como ela mesma explicaba. A obra deste escritor e ilustrador estadounidense reflíctese nas súas prendas en certo toque infantil, inspirados na obra La historia de las Vivians, que describe a vida de sete princesas da cristiana nación de Abbiennia, que se enfrontan a un réxime de escravitude infantil.
As súas ilustracións e acuarelas están presentes nestes deseños a través dunha cor aplicada de xeito non uniforme, fuxindo da precisión do téxtil industrial. Tras recibir o premio, Rial amosábase totalmente desbordada, recollendo os seus deseños e sen acabar de crer que fose ela a gañadora. "Non o agardaba nin moito menos, sobre todo porque todas as coleccións era moi boas", afirmaba.
Foi a penúltima en saír á pasarela, pero os seus deseños impactaron e convenceron o xurado, composto por Takanao Muramatsu, presidente de HPFrance; Marc Calabia, director de produto de Desigual; Juan Carlos Soto, director do Master de Loewe (en substitución de Enrique Loewe que finalmente non puido asistir) e Jeanette Nkwate, de WGSN, compañía líder en investigación por internet de tendencias.
Elena Rial compartiu protagonismo con Sara Moreno, que obtivo o segundo premio do xurado por unha colección escura inspirada no burka e no velo árabes. Todo foron aplausos e ánimos do público para a creatividade dos estudantes, que foron do bosque á praia, da lencería á roupa mariñeira, das flores e bordados á estridencia dos anos 80. Xunto co resto de proxectos e desfiles, en total, 70 coleccións e outros tantos modelos desfilaron sobre a pasarela.
Neste evento tamén se fallou o Premio Desigual, ao que concorrían estudantes de Esdemga ao abeiro dun proxecto para deseñar prendas que continúen coa idea da marca catalá. Lucía Caride, alumna do primeiro curso foi a gañadora deste galardón. Ademais, os asistentes tamén puideron coñecer os resultados Knitting Experience no que, coa colaboración da deseñadora Sara Coleman, os alumnos e alumnas realizan propostas baseadas no punto.
Relacionadas:
-
Esdemga busca modelos para o desfile co que celebrará os seus dez anos de historia
Por Redacción |
-
A Madrid Fashion Week máis pontevedresa: catro alumnos da Esdemga brillan con luz propia
Por Redacción |
-
A Lady Gaga gústalle a Esdemga: unha das súas alumnas vestirá a artista no seu próximo videoclip
Por Redacción |
-
De Esdemga á pasarela de novos talentos da Fashion Week Madrid
Por Redacción |
-
Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 deseñadores de Debut 2013
Por Alejandro Espiño |