O mozo de Cangas acusado de matar o noivo da súa nai recoñece durante o xuízo ser o autor do crime
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Foi un asasinato ou un homicidio?, esa é a cuestión que deberán resolver os once membros do xurado popular que dende este martes seguen a causa aberta contra Francisco A.M, un mozo de Cangas, de 22 anos, acusado de matar a coiteladas o noivo da súa nai, subtenente da garda civil na reserva.
Francisco acudiu esposado á Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, foi trasladado dende a prisión da Lama onde se encontra recluído dende xaneiro de 2011. Hoxe recoñeceu ser o autor do crime aínda que se negou a responder ás preguntas da Fiscalía e da acusación particular, "no quiero declarar nada", dixo mentres miraba distraído o reloxo do seu pulso.
O seu avogado informou á Sala que o acusado xa depositou dez mil euros para facer fronte ás posibles indemnizacións aos fillos da vítima.
Todas as partes coinciden no relato dos feitos. Francisco, aquel 8 de xaneiro, cando se encontraba na cociña do domicilio da súa nai, en torno ás 16.15 horas, sen plantexamento previo debido ao seu estado mental e sen que mediase discusión previa, de forma súbita cravoulle un coitelo no colo en dúas ocasións ao noivo da súa nai.
O agredido, Jorge Fernández Silvoso, faleceu como consecuencia de shock hemorráxico por sección da arteria carótida, producíndose a morte entre 2 e 10 minutos tras a agresión. Ata aí todas as partes coinciden.
A acusación particular cualifica estes feitos como asasinato ao considerar as agravantes de parentesco e de aleivosía. Igualmente a Fiscalía adiantou que "posiblemente modifique las conclusiones finales" para cambiar a cualificación actual de homicidio pola de asasinato.
Do mesmo modo, non se cuestiona que o acusado padece un "trastorno orgánico da personalidad", o cal lle afecta de forma tal á súa actuación, que "si bien no le impide comprender el alcance de los hechos, no puede actuar conforme a dicha comprensión, de forma que no puede controlar la forma en la que actúa para expresar sus emociones, necesidades e impulsos".
"Sabe lo que está bien y lo que está mal, pero no puede frenar sus impulsos"
"Sabe lo que está bien y lo que está mal, pero no puede frenar sus impulsos", resumiu o letrado da defensa "estamos ante una persona que tiene un grave, un enorme problema mental, no es una persona normal", engadiu.
Esta doenza, derivada dun accidente de tráfico cunha motocicleta, é unha circunstancia eximente de alteración psíquica, que para a defensa é eximente completa polo que pediu para o acusado a súa libre absolución. Subsidiariamente o seu avogado pediu o seu internamento nun centro psiquiátrico en réxime pechado durante "no más de siete años".
Pola súa banda, a acusación particular eleva ata os 20 anos o tempo que Francisco debería permanecer ingresado nun psiquiátrico e 125.000 euros a indemnización que debaría pagar os fillos da vítima.
Durante a primeira sesión do xuízo compareceron familiares do acusado que remarcaron a boa relación que este mantiña coa vítima e a imposibilidade de impedir ou defenderse do rápido e violento ataque de Francisco.
Así mesmo compareceron os axentes da Garda Civil que intervenieron aquel día que destacaron a "sorprendente frialdad" que presentaba o acusado tras a morte do noivo da súa nai.
A sesión retomarase mañá mércores ás 10:15 horas cos testemuños dos forenses.
Relacionadas:
-
O TXSG aumenta a 16 anos a pena máxima do mozo que matou ao noivo da súa nai
Por Oskar Viéitez |
-
O mozo de Cangas que matou ao noivo da súa nai deberá cumprir 12 anos e medio de internamento nun psiquiátrico
Por Redacción |
-
O xurado declara culpable o mozo que matou a coiteladas o noivo da súa nai en Cangas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os forenses advirten que Francisco podería repetir un ataque como o que tivo cando matou o noivo da súa nai
Por Oskar Viéitez |
-
Un xurado popular xulgará un mozo por matar a coiteladas ao noivo da súa nai
Por Oskar Viéitez |