Un concurso de debuxo quere saber como ven os nenos os avogados
Por Redacción
O Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra continúa coas actividades organizadas este ano 2013 con motivo da celebración do seu 175 aniversario. Co obxectivo de facer partícipe desta conmemoración a toda a sociedade pontevedresa, a súa nova iniciativa vai dirixida ao público infantil en idade escolar.
O Colexio programou un concurso de debuxo para pequenos artistas ao que están chamados a participar escolares de todos os niveis educativos desde Infantil ata sexto de Primaria. Poderán concorrer os alumnos de todos os colexios dos concellos da área de actuación do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
O concurso chama aos escolares a participar enviando debuxos baixo o tema 'Os Avogados'. Poderán realizalos co tipo de pintura que desexen en tamaño A4 e presentalos ata o próximo 29 de novembro, tanto en persoa como por correo, na sé colegial.
Os debuxos ganadores serán seleccionados por un xurado integrado por membros da Xunta de Goberno do Colexio. O gañador de cada unha das tres categorías convocadas (Infantil; 1º-3º de Primaria; e 4º-6º de Primaria) darase a coñecer o próximo 5 de decembro. Durante o Nadal, todos os debuxos participantes expoñeranse na sé do Colexio.
O concursante premiado en idade Infantil será obsequiado cun lote de libros e películas. Na categoría de 1º, 2º e 3º de Primaria, o premio será unha bicicleta; e para o alumno de 4º, 5º e 6º, unha tableta.