Medio milleiro de manifestantes secundan a marcha da CIG contra a reforma das pensións
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Máis de cincocentas persoas acudiron á convocatoria de manifestación por parte da central sindical CIG en contra da reforma laboral. Na marcha encontrábanse os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, e concelleiras do grupo municipal do BNG en Pontevedra como Anxos Riveiro, Carme da Silva e Carme Fouces.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, mostraba a súa satisfacción pola asistencia e sinalaba que "fixemos un traballo intenso. A xente comprende a gravidade da situación porque son medidas para o presente e para o futuro moi duras".
Baixo os cánticos de "Rajoy, ladrón, non baixes as pensións", Conde apuntou que "estamos dando resposta nas rúas as agresións que estamos sufrindo fronte ao poder. Isto está obedecido polo Goberno e promovido polas corporacións, grandes multinacionais e aseguradoras. O Goberno igual que para os recortes e a reforma laboral estivo ao ditado do FMI agora está ao ditado das multinacionais que queren meterlle o dente aos fondos das pensións".
Segundo explica o líder sindical, as pensións en Galicia axudan a sobrevivir a moitas familias e o 50% das pensións son inferiores aos 650 euros e "entendemos que terían que ser reforzadas e non recortadas".
O secretario comarcal da CIG anunciou que continuarán organizando protestas nas rúas mentres dende o goberno continúen exercendo políticas de recortes: "O goberno vai ceder neste tipo de medidas? Non. A CIG tampouco. Vamos a seguir dando resposta".