Pachi Vázquez promete que os habitantes de Ons serán os donos das súas vivendas
Por Redacción
Unha das primeiras medidas do goberno do PSdeG-PSOE á fronte da Xunta de Galicia, se gañan as próximas eleccións do 21-O, será aprobar unha lei que permita que os veciños da illa de Ons sexan os lexítimos donos das súas vivendas "de acordo co texto xa pactado entre todos os grupos políticos da corporación municipal no ano 2011", segundo anunciou o candidato socialista, Pachi Vázquez.
Durante un mitin de campaña celebrado en Bueu, Pachi Vázquez asegurou aos propietarios das vivendas de Ons que un goberno de progreso "non vai enganalos como fixo Feijóo", ao recordar que o actual goberno autonómico obrígalles a pagar un canon durante 75 anos por ter as súas vivendas nun espazo declarado como protexido e concedéndolles permiso para habitalas en réxime de concesión.
Vázquez comprometeuse a suprimir este canon, desafectando as vivendas do dominio público "para evitar que as persoas que teñen a súa propiedade (82 das 92 vivendas) teñan que pagar polas súas residencias". O candidato socialista entende que así "repárase o erro" da Xunta de Galicia que, no 2010, aprobou un decreto que regulaba o procedemento para outorgar as concesións da illa de Ons.
Con este compromiso formal, o candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta de Galicia quixo manifestar o seu apoio aos veciños de Ons, "porque é unha reivindicación xusta". Trátase, dixo, dun territorio "habitado historicamente, transformado e vivido que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero no que hai que respectar a biodiversidade e tamén o patrimonio material e inmaterial das súas xentes, que xa nos legaron abondosa cultura mariñeira".
Críticas ao apoio de Feijóo aos PGE
Ademais, o líder do PSdeG-PSOE criticou o "apoio sen fisuras" de Alberto Núñez Feijóo aos Orzamentos Xerais do Estado, que segundo a súa interpretación "defenden máis paro, máis recesión, menos consumo, renuncian expresamente ao emprego" e confirman a "destrución dos dereitos sociais", colocando a Galicia "no camiño de Grecia e Portugal ao seguir masacrando ás clases medias e traballadoras, a quen xa non lle queda de onde sacar".
Con respecto ao "escándalo" do caso de Pemex e da auditoría que avalaba a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, Pachi Vázquez denunciou que o presidente da Xunta "engana a toda Galicia", cunha "mentira masiva que quedou ao descuberto" con respecto ao sector naval; e cun informe que reflectía que "con 1.000 millóns de euros teriamos un bo banco e agora resulta que haberá que poñer 10.000 millóns".