O Concello de Pontevedra iluminarase de cor azul con motivo do Día mundial da Diabete
Por Redacción
O 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabete e a Asociación de nenos e nenas con diabete en Galicia (Anedia) vai organizar unha serie de actividades para reivindicar a Educación Diabetológica. Este colectivo de recente creación reclama que a educación se realice non só nos centros sanitarios senón tamén nos centros educativos.
O 13 de novembro ás 20 horas lerase un manifesto da Federación de Diabete (FEDE) e iluminarase en azul a Casa Consistorial de Pontevedra, coa colaboración do Concello. Este acto incluirá a actuación do grupo Madialeva.
Ao día seguinte, entre as 17 e as 20 horas, instalarase na Praza da Peregrina unha mesa informativa sobre a Diabete na infancia e na xuventude na que se poderán realizar controis de medición de glicemia. Ademais desenvolverase unha sesión de contacontos con Raquel Queizas.
O 15 de novembro ás 17 horas, os menores de 16 anos poderán participar nun obradoiro sobre técnicas de administración de insulina. Poderán aprender a inxectarse este medicamento e evitar posibles complicacións. A continuación, a educadora terapéutica María Candal del Río ofrecerá unha charla sobre "Solucións prácticas para o día a día da persoa con diabete". As actividades realizaranse na Casa Azul.
Este ciclo pecharase o 16 de novembro cun obradoiro de alimentación impartido polas enfermeiras Concepción Bande e Victoria Ferro no que os asistentes aprenderán a contar porcións alimenticias. Tamén se realizará na Casa Azul entre as 10 e as 14 horas.