Tallan algunhas árbores secas da área recreativa de Montalvo ante o seu risco de caída
Por Redacción
A área recreativa de Montalvo está sendo obxecto dunha talla selectiva. Os traballos, xestionados pola Concellería de Medio Ambiente ante a Comunidade de Montes de Arra e Montalvo, leváronse a cabo debido á existencia de numerosos exemplares que se atopan secos, constituíndo un perigo para os usuarios deste espazo.
Tal e como explicaron desde o departamento municipal, a situación na que se atopan os piñeiros débese á escasa distancia que existe entre os exemplares, ao que hai que engadir o ataque dunha praga.
O Concello de Sanxenxo colaborou con esta actuación, que está levando a cabo a asociación de comuneiros ao ser a titular da zona, tramitando os permisos necesarios para executar o saneamento que permitirá que as árbores conten co espazo suficiente para crecer.
Esta intervención conlevará tamén a talla selectiva nas marxes da estrada xa que as especies vexetais alí emplazadas están moi enriba da vía, así como do cableado eléctrico e telefónico.