A Seca e Ponte Sampaio súmanse á iluminación con lámpadas led
Por Redacción
Tras Monte Porreiro, o barrio da Seca e en núcleo urbano de Ponte Sampaio serán as dúas próximas zonas do Concello de Pontevedra nas que se renovará a iluminación pública para substituír as actuais lámpadas de mercurio ou sodio por lámpadas led, que permitirán, segundo os cálculos do goberno municipal, un aforro no consumo próximo ao 80%, sinalou o portavoz do executivo, Raimundo González.
En ambas zonas investiranse en total uns 150.000 euros para substituír as lámpadas en todos os puntos de luz. No caso de Ponte Sampaio, cambiaranse na contorna da ponte medieval e na zona da Xunqueira, o lugar da parroquia que ten máis "centralidade" e onde se rexistra unha maior actividade veciñal. Non se descarta, en próximas actuacións, ampliar esta substitución de iluminación noutras parroquias pontevedresas.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou este luns as bases que regularán o novo contrato para a renovación informática das dependencias municipais. O importe de licitación ascende a uns 380.000 euros por catro anos de servizo. Inclúense a renovación de 200 ordenadores coas súas correspondentes licenzas de software, que se repartirán entre os 17 edificios ou oficinas coas que conta actualmente o concello pontevedrés.