O consorcio de bombeiros aforra un millón ao ano "por non facer cada un a guerra pola súa conta"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participaron este xoves no pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra, no que se aprobou o primeiro orzamento para unha anualidade completa tras a entrada en vigor da nova xestión do consorcio, en mans da empresa Matinsa.
Louzán e Rueda destacaron o "notable aforro" que supuxo esta nova xestión, que pode situarse no entorno do millón de euros. O orzamento do consorcio para 2014 ascende a 3.144.000 euros, financiado integramente por Xunta e Deputación ao 50%.
Tanto o presidente da Deputación como o vicepresidente da Xunta incidiron na importancia deste servizo, que dá cobertura a entre o 60 e o 70% da poboación da provincia (exceptuando os municipios de Vigo e Pontevedra que contan co seu propio parque), e no que traballan preto de 100 persoas.
Louzán subliñou que Deputación e Xunta "seguimos a traballar para dar cobertura ao 100% da poboación" e lembrou que os concellos que se atopan a máis de 20 minutos dos parques de bombeiros teñen cobertura de emerxencias a través dos GES "co que a provincia de Pontevedra a día de hoxe conta cunha garantía de cobertura na práctica totalidade do seu territorio".
Neste sentido, Rueda fixo fincapé no notable avance que en materia de emerxencias e protección contra incendios se ten dado nos últimos anos en Galicia, dado que "no ano 99 había en toda Galicia 7 parques de bombeiros (1 en cada cidade) e o resto da poboación tiña que, nunha situación de emerxencia, arreglarse como podía".
PARQUES
O Consorcio Provincial de Bombeiros integra os parques comarcais de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía, aos que hai que sumar o de Deza-Tabeirós. Neles prestan servizo preto de 100 bombeiros profesionais que atenden unha media de 1.000 incidencias anuais.
Relacionadas:
-
O Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra dependerá da Deputación
Por Redacción |
-
O Consorcio provincial de bombeiros asina o seu primeiro convenio colectivo
Por Oskar Viéitez |
-
Os novos bombeiros fórmanse en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Concello de Vilagarcía e Consorcio concretan o protocolo de coordinación entre os servizos de emerxencias e bombeiros
Por Redacción |
-
Louzán anuncia que o Consorcio Provincial de Bombeiros estuda abrirse a máis concellos
Por Redacción |
-
Matinsa comezará o 1 de xuño a xestión do servizo provincial de intervención en emerxencias
Por Redacción |