A Facultade de Ciencias Sociais pon a proba a súa capacidade de reacción ante un incendio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
12:05 h. Unha alarma soa, sen demasiada potencia, no exterior da Facultade de Ciencias Sociais. Unha vintena de alumnos que se encontran na porta apenas fanlle caso.
12:08 h. Unha nova alarma soa xa no interior do centro. Os estudantes comenzan a baixar as escaleiras e a saír do edificio. Móstranse tranquilos e diríxense sen demasiada rapidez cara ás portas de saída. Un mozo pregunta que é o que está a suceder, di ter escoitado a alarma pero non sabe por que. Varios profesores e persoal do centro con chalecos laranxas e amarelos trasládanse dunha a outra aula para que as clases sexan desaloxadas. Unha moza mostra dor nunha perna e é baixada polas escaleiras por dous dos traballadores do centro empregando o método da cadeira da raíña. Outro estudante parece mareado por intoxicación de fume e tamén é guiado para que poida abandonar o inmoble sen dificultade.
No exterior, os mozos concéntranse ás portas da Facultade. Non mostran nerviosismo. Varios comentan en alto a súa sospeita de que se trata dun simulacro. A continuación, os responsables da evacuación do edificio obrigan a todos os estudantes a trasladarse ata a beirarrúa de en fronte, na explanada da Escola de Forestales.
A rúa situada fronte á facultade é cortada ao tráfico.
12:17 h. Un grupo de cincuenta mozos sae do edificio ante a mirada dos outros cincocentos estudantes que agardan ante Forestales. Trátase de alumnos de primeiro que asistían a unha clase na Aula 3. Un deles comenta que escoitaron a alarma pero lonxe e non nos daba a sensación de que tiñamos" que "saír" ata que un dos responsables da evacuación foi a buscalos. E pregunta: " isto é un simulacro, non? Supoño que se porque se non... "
Os máis de 20 responsables da evacuación observan todos os erros: uns mozos que se encontran próximos ao edificio nunha esquina, ventás abertas, problemas no aparcadoiro da ambulancia do 061... Segundo afirmaba o decano da Facultade de Ciencias Sociais, Juan Corbacho, agora elaborarase un informe externo por parte dos Bombeiros de Pontevedra e haberá unha reunión interna co equipo de prevención de riscos para avaliar o simulacro e para buscar solucións aos erros encontrados. Neste sentido mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento da intervención: "As persoas feridas foron atendidas, o incendio foi localizado pero hai datos que se poden mellorar tanto a nivel de persoal de organización coma de portas abertas e pechadas. En todo caso, serve para a concienciación de todos".
Nos meses previos, o persoal do centro asistiu cursos dentro do plan de prevención de cara a evitar situacións de risco e a saber enfrontarse a este tipo de incidentes.
O cabo dos Bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería, sinalou que nestes simulacros se analiza o tráfico de evacuación, os tempos de resposta ante os primeiros sinais de alarma e a actitude do persoal e dos estudantes. Durante a intervención, o seu obxectivo centrábase en comprobar as pautas de conduta e se se estaban a empregar correctamente as vías de evacuación, "nós temos que realizar un informe que trasladaremos á Universidade de todo o que poida ser mellorable"
12:34 Os alumnos regresaban ás aulas tras esta experiencia na que participaron 600 persoas.