Obi-Wan Kenobi e Luke Skywalker iluminan os alumnos de Publicidade
Por Redacción
O título da conferencia xa prometía: 'Que a forza vos acompañe'. E a posta en escena provocou, como mínimo, sorpresa entre os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Os protagonistas da charla, Rafa Fortis e Javier Canle das axencias Kitchen e Leo Burnet presentáronse no salón de actos vestidos como Obi-Wan Kenobi e Luke Skywalker, dous dos máis famosos personaxes da saga Star Wars. E utilizando referencias dos filmes de George Lucas, estes dous publicistas intentaron trasladar mensaxes de alento para os estudantes e ofrecer bos consellos para optar a un traballo no momento de crise actual.
A "forza" á que estes dous profesionais se referían céntrase na creatividade para poder converterse nun futuro en auténticos Jedis, o que en palabras de Rafa Fortis sería "uns apetitosos creativos para as axencias de publicidade". Fortis sinalou que "a creatividade é unha habilidade que se aprende, non é algo innato, para isto serve calquera persoa, que non vos enganen".
Javier Canle, ex alumno da Facultade pontevedresa defendeu o futuro deste sector e apostou pola frescura e total dispoñibilidade que teñen os novos licenciados fronte aos creativos sénior. Segundo Rafa Fortis a impaciencia por encontrar un traballo nada máis saír da universidade "é un erro. Hai que ser realista, conseguir unhas prácticas nunha empresa do sector é relativamente doado pero hai que saber como facelo e ser conscientes de que lle podemos pedir a esa axencia". E recordou que é necesario seguir os consellos dos veteranos, é dicir, do mestre Yoda.