Pontevedra quere acoller Expocidades, a feira de turismo que organiza o Eixo Atlántico
Por Redacción
Pontevedra quere ser sede da feira de turismo Expocidades. O Concello valorará a posibilidade de presentar a súa candidatura a organizar a feira de turismo do Eixo Atlántico. Para iso previamente pulsarase a opinión do resto das cidades, xa que existe a tradición de que a feira, que se celebrou este ano en Lugo, alterne cada ano entre Galicia e Portugal. En todo caso, non hai nada regulamentado ao respecto, segundo o goberno municipal.
De feito Pontevedra será sede este martes dunha xuntanza da Comisión Delegada de Turismo do Eixo Atlántico para abordar cuestións relacionadas coa promoción turística. A cita será na Casa das Campás e estará presidida pola concelleira Carlota Román, encargada de exercer de anfitrioa dos 40 representantes das administracións locais presentes no órgano luso-galaico.
A xuntanza comezará tratando os avances na elaboración dunha guía de rutas temáticas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A continuación, centrarase na análise da última edición de Expocidades, celebrada a principios deste mes en Lugo, e na designación da sede da feira turística do Eixo Atlántico para o ano 2014.
A cidade de Pontevedra estivo presente na recente edición de Expocidades con stand propio. Ata alí trasladouse abundante información sobre os recursos culturais, patrimoniais e de lecer de Pontevedra, cumprindo así o obxectivo estratéxico de promocionar a Capital das Rías Baixas dentro da comunidade autónoma galega e tamén en aquelas próximas ou que tradicionalmente emiten turistas cara as Rías Baixas.
Expocidades naceu como unha microfeira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. Despois do éxito obtido, o Eixo, unha asociación que agrupa a municipios galegos e do norte de Portugal, decidiu instituir este evento.
Relacionadas:
-
Pontevedra será "epicentro" dun Camiño Portugués que busca igualar o francés no próximo Ano Xacobeo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra acollerá a mostra de turismo 'Expocidades 2014'
Por Redacción |
-
Pontevedra participará con stand propio en Expocidades, a mostra turística do Eixo Atlántico
Por Redacción |