Sorprenden un veciño de Vilaboa roubando gasóleo de camións estacionados en Vilagarcía
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron un home, de 43 anos de idade, natural de Vilaboa, como presunto autor dun delito de roubo con forza nas cousas e varios furtos.
Segundo explicaron fontes da Comisaría de Vilagarcía, sobre as 4:30 horas da madrugada do día 31 de outubro, recibiron unha chamada telefónica alertando sobre a presenza dun individuo deambulando en actitude sospeitosa nunha zona na que se achaban diversos camións estacionados.
Dáse a circunstancia que este individuo conta con varias detencións, seis delas por delitos contra o patrimonio
Persoados no lugar varios efectivos policiais, puideron observar como de forma apresurada abandonaba a zona un turismo ocupado por un individuo, polo que unha das dotacións policiais saíu na súa persecución dándolle alcance nunha rúa próxima, procedendo á identificación do condutor e único ocupante deste.
Os axentes atoparon no interior do coche varias garrafas de plástico a maioría de 25 litros, contendo algunha delas gasóleo, así como anacos de mangueira, un bolso con diversas ferramentas e lanterna, efectos útiles e acondicionados para, supostamente, forzar os mecanismos de peche dos vehículos. Ademais incautáronlle diversos efectos de valor, algúns deles subtraídos do interior da cabina doutro camión.
Continuando as indagacións, no lugar onde fora sorprendido o citado individuo, púidose comprobar como un dos camións alí estacionados presentaba a boca do depósito de combustible forzada, así como síntomas evidentes (gasóleo esparexido polo chan) de que deste extraeran combustible. Por todo iso, os axentes da Policía procederon á detención do citado home, así como á intervención dos efectos presumiblemente subtraídos e á intervención do turismo que este utilizaba como medio de transporte.
A Policía continúa as investigacións para determinar a procedencia de diversos efectos intervidos e aínda non recoñecidos, pois non se descarta a posibilidade que os mesmos poidan proceder doutros feitos ilícitos. Dáse a circunstancia que este individuo conta con varias detencións, seis delas por delitos contra o patrimonio. O detido, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número dous de Vilagarcía, en funcións de garda.
Relacionadas:
-
Deteñen dous mozos que foron sorprendidos roubando combustible dunha máquina de asfaltar
Por Redacción |
-
Rouba gasóleo dos depósitos de varios camións estacionados nunha empresa de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Garda Civil sorprende en Vilaboa tres mozos cando intentaban roubar o gasóleo dunha escavadora
Por Redacción |