Preocupación en Ponte Caldelas ante a ameaza de desbordamento do río Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas mantense alerta ante as intensas chuvias caídas ao longo as últimas horas que fixo que o caudal do río Verdugo crecese de xeito exponencial ata alcanzar o límite do desbordamento.
Como medida de precaución, o Concello procedeu a cortar ao tráfico o paseo da Calzada e mantén en alerta permanente a brigada de servizos por si se producise algunha inundación e fose precisa a súa intervención.
Operarios municipais procederon a mediados do mes pasado a realizar labores de limpeza e rescate de árbores caídas sobre o leito do río Verdugo co fin de facilitar a evacuación das súas augas en caso de intensas precipitacións metereolóxicas como as que están a caer nas últimas xornadas sobre o municipio.
As brigadas municipais non só retiraron árbores, senón madeiros e demais elementos arrastrados por anteriores episodios de enchente experimentados polo río Verdugo co fin de evitar desbordamentos.
Aínda así, a intensidade das chuvias recollidas nestes días (o observatorio do veciño municipio de Fornelos de Montes rexistraba durante a ponte de Todos los Santos, uns 71 litros por metro cadrado) fai que se manteña alerta o dispositivo composto por operarios das brigadas municipais de servizos e mantemento.