Nega que intentase matar o seu veciño lanzando unha botella: "Llevaba varios días con las ventanas cerradas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
María Teresa L.R. está acusada de intentar matar ao seu veciño lanzándolle á cabeza unha botella de cristal a través da fiestra do seu piso da rúa Ferreiros de Pontevedra. A súa presunta vítima, Juan B.A., asegura que a viu tirar a botella, dous veciños declararon que viron como se lanzaba o obxecto desde a fiestra do seu piso e unha terceira testemuña asegura que viu como se pechaba a súa persiana unha vez que o home estaba xa tirado no chan da rúa cun golpe na cabeza. A pesar destas declaracións e a que na súa casa atoparon dúas caixas do mesmo tipo de vidro que lesionou ao ferido, ela sostén que é inocente, que cando supostamente cometeu o intento de asasinato "llevaba varios días con las ventanas cerradas".
A muller declarou este martes ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra enfrontándose a unha acusación por asasinato en grao de tentativa pola que o fiscal pide que lle impoñan dez anos de orde de afastamento da súa presunta vítima e un control médico xornal supervisado polo xulgado. O seu avogado defensor solicita a súa libre absolución mentres a acusación particular eleva a petición do fiscal e quere que se lle condene a nove anos de prisión e ao pago dunha indemnización de 7.800 euros polos danos (perdeu audición en ambos os dous oídos) e 18.000 euros porque tras o incidente non pode conducir.
María Teresa L.R atópase a tratamento médico psiquiátrico desde ao ano 1987 e está diagnosticada por un trastorno de ideas delirantes crónico polo que estivo ingresada nun centro hospitalario en dez ocasións. O especialista que leva o seu caso na actualidade declarou ante o tribunal que cando non segue tratamento ou non está controlada polo médico presenta brotes de delirios que lle fan distorsionar a realidade, de tal forma que se anula a súa percepción. Con todo, "se puede evitar" cun correcto seguimento.
En vista desta valoración médica, o fiscal considera que no momento en que lanzou a botella de auga pola fiestra non era consciente dos seus actos e que debe aplicárselle a circunstancia eximente de alteración psiquiátrica e que co correcto control médico pode controlase a súa enfermidade, por iso é polo que non pida o seu ingreso en prisión.
A suposta vítima relatou que o día dos feitos estaba na beirarrúa, diante do edificio no que vivían tanto el como a acusada (ela no segundo e el no cuarto) co electricista, que tiveron que facer un corte de luz e "diez minutos después" ela lanzoulle a botella pola fiestra."Miré para arriba, vi la ventana abierta, vi una cosa que salía, me dio y caí al suelo", relata.
Juan B.A. está completamente "seguro" de que a persoa á que viu na fiestra era a súa veciña María Teresa e de que non había máis veciños no edificio nin máis fiestras abertas nese momento. Segundo relatou, ela lanzoulle a botella, non lle deu tempo a reaccionar e "quedé sin sentido" tirado na beirarrúa. Tras isto, estivo hospitalizado e asegura que "pasé mucho miedo".
O relato do que ocorreu aquel día que realiza a acusada é diferente. Explicou ao tribunal que non lanzou ningunha botella e non chegou nin a abrir a fiestra nin a persiana do seu piso. De feito, "las ventanas las tuve cerradas día y noche varios días" e alegou dous motivos para esta acción. A primeira razón é que "habia personas que controlaban cuando subía y bajaba las persianas" e a segunda que "necesitaba descansar", de modo que levaba unha tempada na que se pasaba o día na cama "aunque no durmiese".
O fiscal pide dez años de orde de afastamento da súa presunta vítima e a acusación nove anos de cadea
Segundo o seu relato, aquela mañá non se levantou da cama porque tiña insomnio e deitouse tarde. Ademais, escoitou que o seu teléfono soou varias veces, pero non respondeu porque "la única que podía llamarme era mi hermana y ella sabe que si estoy mal no respondo".
Fronte a este relato, a súa irmá relatou ante a Policía que a telefonou varias veces e estaba preocupada por se lle pasara algo, o seu veciño e presunta vítima di que chamou á súa porta antes de cortar a luz para avisala, pero non respondeu; e a Policía estivo durante 11 horas golpeando na porta despois de que o seu veciño resultase ferido para entrevistarse con ela e, como non abriu, acabou entrando á forza con axuda dos bombeiros. Ela non sentiu ningún deses golpes e, cando viu entrar á comitiva policial na súa casa, "estaba asustadísima, desconcertada".
A botella que golpeou a Juan B.A. era de cristal da marca de auga Cabreiroá e na casa da procesada a Policía Nacional atopou dúas caixas desta mesma marca ás que faltaba unha botella, pero non se puido probar que tivesen o mesmo orixe, non se realizou proba de ADN que confirmase que a acusada a lanzou. A muller negouse a que lle tomasen mostras para cotexalas cos restos do vidro.
O fiscal sostén que o intento de asasinato realizouse nun contexto de malas relacións previas entre a acusada e a súa presunta vítima. Neste punto, as versións de ambos contradinse. Ela asegura que non tiñan "ninguna relación" porque "su mujer, cuando yo me fui a vivir allí me advirtió de ciertas cosas y entonces decidí no hablarle" e tan só lle daba os bos días como boa veciña. El asegura que xa tivera que denunciala ano e medio antes porque lle esnaquizou un floreiro e outros obxectos.