"Que se me enterre en galego ou en silencio"
Por Redacción
A práctica totalidade das lápidas dos cemiterios da nosa comunidade autónoma descansan en paz, en castelán. Así o revelou a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que iniciou unha campaña dirixida ao uso de galego nos cemiterios, necrolóxicas e demais honras fúnebres.
Segundo os datos ofrecidos por esta asociación, só unha de cada mil lápidas está escrita en galego, e tan só o 2% das notas necrolóxicas que se publican elixe esta lingua, unha porcentaxe que descendeu respecto a hai oito anos.
Co fin de frear esta incercia, trece entidades asinaron en Santiago unha declaración para restaurar a memoria lingüística, tamén nos cemiterios. Xunto á Asociación de Funcionarios, promotora do manifesto, figura o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, PP, PSdeG, BNG, Anova, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia, e os sindicatos Unións Agrarias, UGT, CIG, CUT e CC OO.
O documento de "Restauración da Memoria lingüística de Galicia" anima aos concellos a substituír a lápida daqueles defuntos con destacada actividade en galego, con expresa autorización da familia, por unha placa en galego e tamén insta ás empresas da industria funeraria e similares, para ofrecer os seus servizos nos dous idiomas.
Asemade, todos os demais asistentes puideron asinar a declaración de vontade na que expresan o seu desexo de que os seu sepelio sexa anunciado e celebrado en lingua galega.
"Que a lingua galega é a miña lingua, a lingua do pobo ao que considero pertencer e a lingua que quero que me acompañe ata a morte.
Que chegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro se realice exclusivamente en língua galega e polo tanto pido á miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito.
Que, se terceiras persoas, sexan da miña familia ou autoridades e civís, tentasen impedir a realización desta miña derradeira vontade, pido a calquera outro familiar, ou amigo que tiver coñecemento deste meu desexo que tome todas as medidas para facelo cumplir, e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en silencio".