Detido tras escapar dun control de alcoholemia de madrugada e fuxir en coche polo centro de Pontevedra
Por Diego Espiño
Un veciño de Pontevedra de 33 anos de idade, con iniciais M.F.M.D., foi detido despois de protagonizar unha persecución polo casco urbano de Pontevedra na madrugada de sábado a domingo.
O condutor fugouse dun control de alcoholemia habilitado no nó de bombeiros, ante a Comandancia da Garda Civil, a altas horas da madrugada. Logo de dar positivo cunha taxa de alcoholemia constitutiva dun delito, fuxiu a gran velocidade por varias rúas da cidade, incluído parte da zona antiga.
Segundo fontes da Garda Civil, o detido entrou en Pontevedra pola Barca e Paseo de Colón, dirixíndose cara ao concello para continuar a súa fuxida pola zona vella.
Tras cruzar o centro histórico os axente do Instituo Armado déronlle o alto xa na Avenida de Bos Aires despois de preto de 20 minutos de persecución.
Abríronse dilixencias a este condutor por tres delitos, dous deles contra a seguridade vial e outro por resistencia á detención, polo que terá que render contas ante o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.