Unha comitiva de Estonia interésase pola convivencia de turismo e tradición mariñeira
Por Redacción
A alcaldesa e presidenta de Turismo de Sanxenxo, Catalina González, recibiu este xoves na sede da empresa mixta, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, a unha comitiva formada por 22 persoas que forman parte do Grupo de Acción Costeira de Virumaa, en Estonia, que se desprazaron ao municipio para coñecer os proxectos desenvolvidos para facer da tradición mariñeira un reclamo turístico máis deste destino.
Os participantes estonianos interesáronse pola xestión das instalacións do Porto Deportivo Juan Carlos I, tarefa encomendada á sociedade pública Nauta Sanxenxo, así como pola convivencia no mesmo equipamento da náutica recreativa e pesqueira.
Posteriormente, o grupo, constituído fundamentalmente por representantes de confrarías de pescadores e autoridades, trasladouse a Portonovo onde protagonizaron unha visita guiada para coñecer a historia desta vila ligada intrinsecamente ao mar, os oficios asociados ao sector, entre outros.
A lonxa, o mercado de abastos e a Casa Mariñeira foron algúns de lugares que conformaron o percorrido e que están incluídos nos itinerarios turísticos postos en marcha pola empresa mixta.