O Breakdance, en Pontevedra, é sinónimo de integración
Por Mónica Patxot
O bboying e o breakdance marcan tendencia como entretemento. En Pontevedra dende este venres tamén se puxeron de moda como elementos integradores de persoas con discapacidade. Son unha das ferramentas que o Concello decidiu utilizar no marco do programa Hefesto e demostrou ter un éxito, canto menos, de aceptación.
Persoas con discapacidade participaron nunha máster-class de breakdance a cargo da asociación cultural 'Black Box Project, que forma parte do programa Hedra da Casazul. Durante catro horas irmandaron no Pazo da Cultura a discapacidade e os ritmos máis característicos da cultura urbana.
A máster-class, á que asistiu a edil de Benestar Social, Carmen Fouces, foi a segunda acción do programa Hefesto, deseñado como unha intervención innovadora e atractiva no eido da discapacidade que pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se misturen o mundo máis urbano e a discapacidade.
O programa Hefesto 2013 ten tres grandes áreas: discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros e discapacidade e o mundo do son. O colofón de todas elas será o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade. Antes hai varias accións deseñadas en distintas datas.
A primeira acción 'Discapacidade e o mundo do son en estudo de gravación', comezou unha semana antes, prolongarase durante todo o mes de novembro na Casazul e terá como resultado a gravación dun vídeo musical nun estudo de Pontevedra.
A terceira das accións será 'Discapacidade e cultura moteira', prevista para este sábado 19 de outubro, pero que tivo que suspende a causa da choiva. Nunha data aínda sen concretar, pero que se agarda que sexa dentro deste mes, arredor de 20 moteiros levarán nas súas motos a un grupo de persoas con discapacidade. A actividade terá unha hora de duración e un itinerario que sairá do mirador de Monte Porreiro e rematará nunha das prazas emblemáticas da cidade.
Con estas accións elaborarase un audiovisual que se presentará o martes, 3 de decembro no Teatro Principal ás 20.00 e ao que están convidados asociacións, axentes sociais, participantes no programa, familiares e calqueira outra persoa interesada.
Este programa está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: Amizade, Xuntos-Down Pontevedra, Juan XXIII, Virgen de la O, Alba e Amencer-Aspace.