Un incendio nunha cociña obriga a desaloxar un edificio en Monte Porreiro
Por Diego Torrado
Os veciños dun edificio da rúa Cornubia de Monte Porreiro víronse obrigados a abandonar as súas vivendas de forma precipitada este sábado pola noite. Un incendio iniciado minutos antes nun dos pisos do inmoble tomou dimensións imprevistas, encheu de fume todos os espazos e fixo necesario que a Policía Local e o Corpo de Bombeiros de Pontevedra desaloxasen a todos os moradores.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 rexistrou o primeiro aviso polo lume ás 20.48 e deu alerta aos bombeiros. Inicialmente avisouse dun incendio por unha pota ao lume nunha cociña e unha información máis próxima solicitada no lugar dos feitos falou dun curtocircuíto na cociña de vitrocerámica.
De momento, as causas aínda non foron esclarecidas, aínda que estarían relacionadas cunha cociña na que se estaba a preparar comida. Si se coñecen as consecuencias. O lume encheu de fume a vivenda, na que nese momento se encontraba unha muller, e requiriu a intervención dos Bombeiros. Mentres sufocaban o lume, por precaución, pediron a todos os veciños que desaloxasen as súas casas.
O edificio ten catro plantas e baixo e ao redor de 30 veciños saíron á intemperie á espera de que as súas vivendas estivesen despexadas de fume e fóra de perigo.